O presidente do excomité da Fábrica de Armas ve unha pequena esperanza na sentenza do Supremo
O expresidente do antigo comité de empresa da Fábrica de Armas da Coruña, Roberto Teijido, cualificou a sentenza do Tribunal Supremo -que anula o fallo da Audiencia Nacional sobre o conflito laboral en Santa Bárbara Sistemas, na que se daba a razón á empresa sobre o Expediente de Regulación de Emprego (ERE)- como “unha pequena esperanza”.
En concreto, o Supremo estima os recursos de UXT, CCOO e de CXT e avala a súa lexitimación no proceso, polo que anula a sentenza da Audiencia, que rexeitou tal lexitimación e deixou imprexulgadas as súas alegacións e pretensións e manda ditar un novo procedemento.
En declaracións, Roberto Teijido mostrouse cauteloso ante o fallo que lles “dá a razón nunha parte”, sinala sobre o recoñecemento da lexitimación dos sindicatos e insistiu en que o seu obxectivo foi reclamar “legalidade, sobre a base da xustiza,” apostilou.
“É importante a lexitimación, pero máis importante é recuperar a actividade industrial”, sentenciou. Teijido insistiu tamén en que “as condicións industriais e económicas se deron sempre” e remarcou que a fábrica da Coruña tiña, antes do seu peche en 2013, “máis do 50% de actividade e contratos ata 2016”.
TÉÑENNOS QUE DAR A RAZÓN
“Se hai xustiza, téñennos que dar a razón”, recalcou o expresidente do antigo comité de empresa, quen rexeitou que haxa que desmantelar toda a industria de Defensa porque, nun momento, non haxa pedidos”.
“É como dicir que, se non hai conflitos, a Policía sobra”, remarcou ao defender que o de Defensa é “un sector atipico” e con “picos de produción”.











