O presidente da Xunta mantén a incógnita sobre o candidato de Vigo
O presidente da Xunta e líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, mantivo este xoves a incógnita sobre quen será o cabeza de cartel do seu partido en Vigo para as próximas eleccións de maio e remarcou que, ao igual que o resto de candidatos das urbes galegas, se coñecerá “pronto”.
“Eu engadiría que moi pronto”, subliñou o xefe de filas dos populares galegos, quen recordou que o PPdeG é unha formación autonómica integrada na estrutura dun partido estatal e que hai o “compromiso” con Génova de non dar a coñecer os candidatos das cidades antes da Convención Nacional desta fin de semana.
E é que no caso das urbes, aínda que a proposta partirá do comité electoral autonómico, a ratificación debe realizala o estatal, segundo constatan os Estatutos populares.
“Imos cumprir eses compromisos, os compañeiros están informados e faremos esa comunicación no menor tempo posible”, sentenciou Feijóo, quen tampouco avanzou cando concretaría unha eventual remodelación de Goberno malia que no partido se dá por feito que o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, liderará a lista ourensana.
NAS QUINIELAS: MUÑOZ, FIGUEROA E GUERRA, ENTRE OUTROS
No caso de Vigo, nunha das súas contestacións, o presidente utilizou o xénero feminino para referirse a quen será cabeza de cartel, aínda que posteriormente matizou que non había “carga” nesa resposta, dando a entender que foi un lapsus lingüístico. E é que nas quinielas para a cidade olívica figuran, entre outros, a conselleira de Facenda, Elena Muñoz.
Polo momento en Vigo non se autodescartou tampouco o voceiro local, Chema Figueroa, e soan, igualmente, Ignacio López-Chaves, e o exconselleiro e agora deputado Javier Guerra.
En canto ao resto das cidades, aínda que Feijóo ‘tampouco o oficializou’ se dá por feito que repetirán os alcaldes da Coruña, Carlos Negreira, e de Ferrol, Rey Varela; que Agustín Hernández será o candidato en Santiago; e que tamén encabezarán as súas respectivas listas os voceiros locais de Lugo, Jaime Castiñeira, e Pontevedra, Jacobo Moreira.











