O prazo para presentar candidatos aos galardóns da XXIII Gala do Deporte Ferrolán conclúe o sábado
A Concellería de Deportes do Concello de Ferrol, que dirixe Susana Martínez Galdós, pecha mañá sábado o prazo para que as diferentes entidades deportivas locais presenten as súas propostas de candidatos aos galardóns da XXIII Gala do Deporte Ferrolán. Así, o formulario xunto coas propostas de deportistas deberán presentarse no Rexistro Xeral do Concello ata as 13:30 horas.
A cerimonia de entrega dos premios e recoñecementos terá lugar o día 25 do vindeiro mes de febreiro ás 20:30 horas no Teatro Jofre e distinguirá aos deportistas, entidades e clubs da cidade que destacaron pola súa labor en diferentes modalidades deportivas durante a tempada 2013-2014. Así, e segundo as bases que rexen a XXIII Gala do Deporte Ferrolán, os premios son os seguintes:
– Carabela de Prata ao mellor deportista ferrolán do pasado ano 2014, coa que se premia ao deportista máis destacado que lograra un bo resultado, record, mellor marca, internacionalidade, etc.
– Trofeo para os finalistas.
– Distinción á mellor promesa (tanto masculina como feminina), para deportistas nados nos anos 1996 ou posteriores.
– Distinción ao mellor club, agrupación deportiva ou colexio que se distinga especialmente pola súa promoción do deporte base.
– Trofeo ou placa para persoas entidades ou institucións pola súa entrega e traballo na promoción ou apoio ao deporte, ex-deportistas pola súa traxetoria deportiva, etc.
– Distinción ou trofeo e diploma para os mellores de cada especialidade deportiva (tanto masculina como feminina).
– Distinción TrofeoJavier Gómez Noya, galardón dirixido a todos aqueles deportistas que resultaran galardoados coa Carabela de Prata durante catro anos consecutivos ou máis de catro nos seis derradeiros anos sempre que a súa traxectoria no ano 2014 o faga merecedor da distinción.











