publicidade hoxe

O PP recorrerá o arquivo da querela por suposta prevaricación contra o alcalde do Barco

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaO Barco de Valdeorras
A-
A+
Europa Press

O PP presentará este mércores no xulgado un recurso contra o arquivo xudicial da súa querela por suposta prevaricación e malversación presentada contra o alcalde do Barco (Ourense), en relación a servizos municipais prestados sen contrato.

O voceiro do PP do Barco de Valdeorras e parlamentario, Moisés Branco, confirmou que recorrerán o arquivo dado a coñecer o día 21 de xaneiro, e presentará o seu escrito de recurso o mércores.

A querela do PP foi presentada en abril de 2014 e ampliada en outubro e derivou nunha investigación xudicial centrada no servizo da ORA adxudicado en 2005 á empresa Dornier, con data de remate en 2009 despois da prórroga, e aínda segue prestando ese servizo, algo semellante ao servizo de limpeza de dependencias municipais, prestado por unha empresa que segue facéndoo 30 meses despois de rematar o seu contrato.

A investigación incluíu as declaracións dos que foron secretarios municipais entre 2009 e 2013, dous interventores, o actual secretario municipal e o alcalde Alfredo García.

PECHE DE INSTRUCIÓN

A instrución pechouse cun auto xudicial do día 21 de sobresemento provisional da causa aberta contra o alcalde, que, ademais, é vicepresidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), por non estar “debidamente acreditado” ningún dos delitos denunciados.

Alfredo García explicou que se o PP “non considera suficiente” o dito polo xuíz ao arquivar a causa, “ten moitos tribunais aos que ir” dende Ourense ata Estrasburgo.

26 de xaneiro de 2015 | 19:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.