O PP de Ourense urxe unha xunta de voceiros para analizar as consecuencias do auto xudicial de Áurea Soto
O voceiro municipal do PP de Ourense, Rosendo Fernández, rexistrou un escrito no pide a convocatoria urxente da xunta de voceiros para informar aos grupos sobre as consecuencias do auto de apertura de xuízo oral a Áurea Soto, quen ata agora se ocupaba das competencias de Urbanismo, no funcionamento e organigrama municipal.
O xuíz de instrución decretou apertura de xuízo oral contra Soto e o seu avogado Carlos H. polas súas actuacións para manter as licenzas outorgadas a un aparcamento na praza de Santo Antonio, para que se designe ao Xulgado do Penal de Ourense que corresponda por quenda.
O auto xudicial foi emitido o xoves día 8 tras un ano de investigación iniciada pola denuncia de Democracia Ourensana do Concello de Ourense para acusar a Soto e o seu avogado como “presuntos autores dun delito continuado de prevaricación e outro de malversación de caudais públicos”.
Un día despois de que a propia Soto ratificase que renunciará á súa acta –cuestión que se formalizará no pleno de febreiro–, os populares pretenden ser informados sobre as consecuencias deste auto no funcionamento e organigrama municipal, así como nos proxectos que están en marcha (plans de investimentos, desenvolvemento termal As Burgas, PXOM e praza de abastos) ou en calquera outra cuestión de interese municipal.
SEGUNDO ESCRITO
Nun segundo escrito, Fernández tamén solicita “acceso e vista” do decreto asinado por Agustín Fernández retirando as competencias a Áurea Soto, así como unha a súa copia. Do mesmo modo, pide “acceso e vista” do escrito de dimisión presentado por a ata agora concelleira











