O PP da Laracha asegura que o prezo do servizo de augas baixou para as vivendas con consumos responsables
Unha vez máis o BNG da Laracha fai unha valoración errónea, distante da realidade e, o máis grave, sesgada e interesada, co único propósito de enganar e confundir á veciñanza. Neste caso refírense ó prezo dun servizo municipal como o de abastecemento, saneamento e depuración de auga afirmando que se encareceu, cando a realidade é que as vivendas que presentan un consumo responsable están a pagar menos agora que hai tres anos.
En 2012 aprobáronse varias modificacións das ordenanzas municipais reguladoras dos custes dos servizos. Por unha parte estableceuse un sistema de tarificación progresivo cun prezo relacionado directamente co consumo de auga, sendo o custo do abastecemento menor para as vivendas que non superasen os trinta metros cúbicos por trimestre e encarecéndose a partir desa cifra co propósito de incentivar o consumo responsable. Segundo datos da empresa concesionaria do servizo, máis da metade dos usuarios non alcanzan esa cantidade, polo que foron beneficiados pola medida.
Aínda que é certo que o incremento dos tipos de IVE e a obrigatoria aplicación do canon da auga (medida que tamén ten por obxecto fomentar o aforro e o uso racional dos recursos) encareceron o servizo por cuestións totalmente alleas a decisións municipais, é falso que as cotas fixas (independentes do consumo) se incrementasen. Xoán Manoel Sande, o líder do BNG da Laracha, minte como se pode comprobar na comparativa dos dous recibos con consumo 0 (mínimo) que se adxuntan. Nesas facturas en 2013 aparece por primeira vez o canon da auga e o aumento no IVE, pero aínda así o importe final baixa, e iso débese ós conceptos que dependen do municipio.
O que tamén fixo o goberno local foi propoñer ó Pleno que se aplicase a tarifa doméstica ós establecementos comerciais e industriais con menor consumo rexistrado, medida en vigor e que está a supoñer un aforro para eles. O BNG non apoiou dita iniciativa. Tampouco votou a favor o BNG cando se propuxo igualar o prezo do servizo en todo o termo municipal.
O PP da Laracha pregúntase se o BNG e o señor Sande pretenden que non se aplique no recibo o canon da auga, unha normativa de obrigatorio cumprimento para todos os concellos e cuxa recadación vai integramente a realizar novas obras relacionadas co abastecemento, saneamento e depuración. Tamén nos preguntamos por que o señor Sande omite que existen bonificacións no canon da auga para varios colectivos, entre eles as familias numerosas.
Ademais de mentir coas cifras dos recibos, Xoán Manoel Sande tamén manipula os datos dos orzamentos no referido a ingresos previstos polo alcantarillado. O incremento existe, pero ten un motivo xustificado e que foi explicado no seu día tanto ós grupos da oposición como nos medios de comunicación. En maio de 2012 o Concello e a empresa concesionaria do servizo asinaron unha modificación no contrato para incluír no mesmo a xestión de 6 depuradoras e 19 estacións de bombeo situadas en zonas rurais, co correspondente aumento no número de usuarios e, por tanto, da previsión de ingresos.
Cos datos reais e globais que acabamos de expoñer queda demostrado que o prezo da auga no Concello Laracha non aumentou e as medidas tomadas polo goberno local e non apoiadas polo BNG posibilitaron que os recibos mesmo se reducisen para moitas familias.
O prezo da auga non sube e o que baixou nun 26% ou máis nas últimas horas foi a credibilidade do BNG e do seu líder, Xoán Manoel Sande, volvendo quedar en evidencia ante a opinión pública polo seu habitual afán de protagonismo.











