O PP apoiará ao BNG para que o ‘Bernardo Alfageme’ sexa instalado no Museo do Mar
O PP apoiará a iniciativa parlamentaria presentada polo BNG para que o barco ‘Bernardo Alfageme’ sexa instalado no Museo do Mar de Vigo, en lugar de nunha rotonda do barrio de Coia, como pretende o alcalde da cidade olívica, Abel Caballero.
En declaracións aos medios, o concelleiro Miguel Fidalgo, apuntou que o PP quere que o pesqueiro se sitúe no Museo e que non está de acordo coa iniciativa do goberno local, como así puxo de manifesto en dous plenos da Corporación.
“Queremos que se instale no Museo do Mar e que sexa visitable polos cidadáns. A nosa posición non variou”, indicou Fidalgo que, ao ser preguntado sobre se o PP apoiará a iniciativa parlamentaria do BNG contestou cun rotundo “non teñan ningunha dúbida”.
En calquera caso, o edil popular recordou que o barco é de titularidade municipal e, aínda que asegurou que o PP fixo “xestións” co Museo do Mar e coa Xunta, e “parece que non hai inconveniente (en trasladalo ao Museo) “, “é o Concello o que decide a súa situación”.











