O potencial turístico da Costa da Morte exponse en Fitur

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, asistiu esta tarde no pavillón de Galicia en Fitur á presentación da guía do camiño Fisterra-Muxía, promovida pola asociación profesional de empresarios desta ruta, Solpor, onde destacou o potencial turístico da Costa da Morte, ao contar con recursos tan singulares como este camiño.

“A ruta Fisterra-Muxía conta cunha simboloxía especial, xa que é a única que ten a súa orixe en Santiago e recorre o camiño ata a punta occidental da Europa continental”, manifestou Do Campo, quen engadiu que, a través dos case 90 quilómetros de percorrido, Galicia “ten a oportunidade de amosar a súa cultura e natureza a todos aqueles peregrinos procedentes de diferentes lugares do mundo”. “Sen dúbida, é unha ruta captadora de turismo internacional que sitúa a Galicia, e á Costa da Morte en particular, como marca e destino diferencial”, apuntou.

Neste sentido, a delegada fixo fincapé en que publicacións como a presentada hoxe “son fundamentais para promover e difundir o Camiño de Santiago e para recordarnos que a Ruta Xacobea é un fenómeno vivo e eterno”. Esta guía sobre a prolongación xacobea a Fisterra e Muxía inclúe un mapa detallado do itinerario, así como unha ficha a toda páxina con fotografías incluídas de cada unha das setenta empresas asociadas, “información de gran utilidade para os peregrinos que se decidan a realizar esta ruta á ‘fin do mundo’”, comentou Do Campo.

A máxima representante do Goberno galego na provincia recordou que iniciativas como a levada a cabo pola Asociación Solpor fan que a Ruta Xacobea estea en auxe e mostra diso é que en 2014 Santiago de Compostela recibiu máis de 237.000 peregrinos, un aumento en relación co ano anterior de máis do 10%. A ruta Fisterra-Muxía non é unha excepción, estando cada vez máis demandada. Así, o pasado ano, na súa versión cara Santiago, incrementou os seus peregrinos en máis dun 40%.

Do mesmo xeito, a Costa da Morte foi o destino con mellor comportamento da demanda hoteleira de toda Galicia, pois rexistrou un crecemento do 46% no número de viaxeiros, con máis de 150.000, e do 70% no caso das pernoitas, que acadaron as 260.000. “Os datos certifican, por tanto, o grande atractivo deste destino turístico e desta Ruta Xacobea”, finalizou Do Campo.

30 de xaneiro de 2015 | 10:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.