O Porto de Vigo recibe a escala do Arcadia con 2.700 persoas a bordo
O Porto de Vigo recibiu esta mañá a escala do buque de cruceiro Arcadia, que trouxo a bordo máis de 2.700 persoas, entre pasaxeiros e tripulación.
Chegou ás 07.15 horas procedente de Southampton (Reino Unido) e ás 15.00 horas, aproximadamente, poñerá rumbo a Ponta Delgada (Portugal).
Esta é a segunda chegada a Vigo dun buque de cruceiro no que levamos de ano, tras a escala técnica do Adonia o pasado 1 de xaneiro.
Durante a súa estanza na nosa cidade, o Arcadia trouxo a bordo un total de 1.980 pasaxeiros de 21 nacionalidades distintas, na súa maioría británicos (1.780 pax.), ademais de 838 tripulantes.
O Arcadia é un cruceiro de clase Vista, construído por Fincantieri nos seus estaleiros de Marghera, Italia. Trátase do terceiro barco máis grande dos sete actualmente en servizo para a P&O Cruises.
O barco entrou oficialmente en servizo para a empresa en abril de 2005 e foi amadriñado pola atleta británica campioa olímpica de 800 e 1.500 metros nos Xogos de Atenas 2004, Kelly Holmes.
Orixinalmente foi destinado para ser un barco clase Vista para a Holland America Line, pero en 2003 Carnival Corporation transferiuno á Cunard Line para converterse no Queen Victoria. Pouco antes de ser botado tomouse a decisión de transferir o buque á P&O Cruises. Tras unha reparación nos estaleiros de Lloyd Werft en Bremerhaven (Alemaña) en decembro de 2008, engadíronse 34 camarotes, así como remodelacións similares na superestrutura traseira.
Ambiente ao máis puro estilo “british”
O Arcadia ofrece unha confortabilidade excelente grazas aos seus amplos corredores e á súa estrutura accesible. Cunha capacidade máxima para albergar 2.388 pasaxeiros e 880 tripulantes nos seus 285 metros de eslora e 33 de manga, se por algo se caracterizan os buques da P&O Cruises é polo seu ambiente británico. Practicamente o 100% dos pasaxeiros que navegan con esta compañía son ingleses, escoceces, irlandeses…
A bordo, o pasaxeiro poderá encontrar diferentes bares e “lounges” que están perfectamente repartidos polo interior do buque, así como 2 piscinas, unha delas con cuberta retráctil. Así mesmo, o pasaxeiro pode elixir entre 26 tipos de camarotes distintos, entre suites, mini suites e camarotes exteriores con balcón privado.
Tras a cea, pode gozar do humor inglés e/ou australiano ou dun musical ao estilo Broadway no pequeno salón-cabaré “The Palladium”. Tamén existen outros lugares para a diversión e o entretemento, pero tamén para o relax. O Ocean Spa da bordo reúne o indispensable para unha estanza relaxante e anti-estresante.
Do mesmo modo, o Arcadia conta con dous restaurantes principais, ademais do buffet e a pizzaría-grill: “Arcadian Rhodes” e “Orchid Restaurant”.











