O pleno extraordinario solicitado pola oposición celebrarase o 21 de xaneiro
A Corporación de Vilagarcía celebrará dous plenos no mes de xaneiro. A sesión extraordinaria solicitada polos grupos da oposición terá lugar o día 21. A ordinaria mantense para o luns, 26. A data do pleno extraordinario non pode modificarse segundo os prazos especificados na propia Lei 7/85 Reguladora das Bases do Réxime Local á que se refiren os grupos solicitantes na súa petición, xa que a dilación de EU á hora de respostar á consulta realizada polo goberno impediu convocar a sesión con anterioridade.
O alcalde, Tomás Fole, criticou a “retorcida e contraditoria actitude seguida unha vez máis polos esquerdistas, que de cara á galería defenden a urxencia desta convocatoria e esixen ao goberno axilidade, e logo eles demoran unha simple resposta co obxecto de que o goberno non poida cumprir os prazos”. O rexedor refírese á consulta que o goberno popular fixo aos grupos da oposición sobre a posibilidade de unificar os asuntos da petición do Pleno extraordinario na sesión ordinaria. Mentres que o PSOE contestou o 3 de xaneiro e o BNG o 5, EU presentou o escrito o día 7 a última hora. Isto impediu que o Pleno se puidera convocar cos dous días de antelación que marca a lei respecto á solicitude de plenos extraordinarios e que remata mañá, día 9. Seguindo o procedemento que marca esa mesma lei, chegado este caso, a sesión ten que celebrarse obrigatoriamente 10 días hábiles de finalizado ese primeiro prazo. É dicir, o 21 de xaneiro. A lexislación tamén establece a hora do Pleno, que será ás 12 do mediodía.
Ataque ao goberno
Para o rexedor, “o que Fajardo persegue é facer dano a este goberno, sen importarlle realmente a situación dos traballadores de Lantero aos que non ten escrúpulos en utilizar como arma contra nós esixindo a urxencia dun Pleno que el mesmo logrou atrasar”.
Fole Díaz Tamén critica a actitude do conxunto da oposición posto que “só se poñen de acordo para firmar cousas coas que atacar ao goberno, pero non para buscar o interese xeral como lles propuximos para unificar todos os asuntos na sesión ordinaria co obxecto de evitar o gasto que conleva o Pleno extraordinario, e que saen dos petos de todos os vilagarciáns”. O alcalde recoñeceu podería ter evitado a consulta, cousa que non fixo “pola responsabilidade e sentido común que debe marcar a actuación dun representante político á hora de xestionar cartos públicos, características das que Fajardo carece como demostra o seu comportamento”.
PSOE e BNG aceptaban con condicións
Neste punto, o rexedor explicou que mentres que PSOE e BNG aceptaban con condicións a proposta, EU rexeitouna “para o cal esperou ata o último minuto para esgotar os prazos a mala fe, como fixo coa presentación das alegacións aos Presupostos”, apuntou Fole.
A oposición “esqueceuse” de incluír as alegacións no pleno extraordinario
A orde do día do Pleno extraordinario axustarase aos puntos recollidos na solicitude de PSOE, BNG e EU, tal como recolle a lei para este tipo de solicitudes, polo que non se poderán tratar as alegacións aos Orzamentos Municipais. Estas debateranse na sesión ordinaria do día 26. Dado que os presupostos xa entraron en vigor, o rexedor considera que non supón inconveniente algún en facelo ese día, evitando así un segundo pleno extraordinario para tratar só este asunto e os custes engadidos do mesmo. Máis, tendo en conta que alegacións como as de UGT e EU remitíronse a propósito o día que remataba o prazo, dende outras cidades e por correo postal, co obxecto de que chegasen ao Concello despois do Pleno da aprobación definitiva do Orzamento.
Ademais, o alcalde entende que á oposición non lle ve urxencia ao tema, posto que non incluíron as alegacións na solicitude do Pleno Extraordinario. “A non ser que, a razón deste esquecemento, sexa ao descoñecemento das propias normas na que fundamentan a petición, xa que a lei non permite a inclusión na orde do día doutros asuntos que os recollidos nela”.











