O pleno da Laracha reuniuse na sesión ordinaria

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

O Pleno do Concello da Laracha reuniuse hoxe na sesión ordinaria correspondente ao mes de xaneiro, que estivo presidida polo tenente alcalde, José Ramón Martínez Barbeito, debido a que o alcalde, José Manuel López Varela, se atopa en Madrid para participar na presentación sobre A Laracha que mañá se realizará no salón da Feira Internacional de Turismo (Fitur). Polo mesmo motivo tamén escusou a súa ausencia Patricia Bello, concelleira delegada de Turismo, entre outras áreas.

A sesión celebrada hoxe, tal e como é habitual, principiou gardando un minuto de silencio en memoria e homenaxe ás mulleres falecidas vítimas da violencia de xénero, que en España son dúas no que levamos de ano 2015.

Trala aprobación da acta da sesión anterior, pasouse á quenda das mocións. A única que saíu adiante foi na que se acordou instar á Consellería de Sanidade a continuar garantindo, en condicións de homoxeneidade e equidade, o acceso aos novos fármacos ás persoas enfermas de hepatite C de acordo cos criterios establecidos para todo o Sistema Nacional de Salud, elaborados por expertos na materia e con arranxo á evidencia científica.

Ademais, e en resposta a preguntas formuladas polos grupos da oposición, José Ramón Martínez Barbeito referiuse á proposta do goberno local que está a valorar o Sergas referida ao traslado do Punto de Atención Continuada (PAC) da Laracha ao recinto do centro sociocultural de Santa Lucía. Actualmente o PAC sitúase nunha das dependencias do centro de saúde. Martínez Barbeito afirmou que “esa sala quedaría liberada para outros usos do centro de saúde”, que ambas instalacións “situaríanse a carón unha da outra e estarían comunicadas, pero terían accesos independentes” cuestión interesante xa que ambas instalacións teñen horarios diferentes, e que “o PAC pasaría a ter un ámbito propio, máis amplo que o actual e cun acceso e área de estacionamento exclusivos para os vehículos de emerxencias”.

En relación ao CEIP Ramón Otero Pedrayo, Martínez Barbeito explicou que o goberno local mantivo recentemente unha reunión co director de obra e representantes da empresa que está construíndo o pavillón do centro de ensino. Nesa xuntanza comunicouse ao Concello que se está avanzando na fabricación da estrutura que posteriormente será instalada no seu correspondente emprazamento. A previsión é que a actuación estea rematada “en dous meses” e, por tanto, non coincidirá coa obra de construción do novo aulario, que será financiada integramente pola Xunta de Galicia.

28 de xaneiro de 2015 | 19:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.