O patio do Arealonga disporá de dous sumidoiros máis
As choivas rexistradas no día de onte e hoxe pola mañá permitiron realizar unha primeira comprobación sobre a resposta do sistema de drenaxe instalado nun tramo do recinto escolar da Lomba. A concelleira de Obras e o responsable do departamento visitaron a zona os dous días e confirmaron unha evidente mellora respecto á situación anterior aos traballos, xa que a lámina de terreo no que se actuou non se asolagou na súa totalidade como acontecía ata entón. Así a todo, decidiuse instalar dous sumidoiros nos puntos nos que aínda se acumula algo de auga. Os traballos realizados no Piñeiriño determináronse totalmente eficaces, segundo manifestou a propia dirección.
O aspecto da zona de paso que conecta as entradas dos colexios Arealonga e A Lomba coa zona da parada do transporte escolar presentaba, tras as choivas de onte e hoxe, difería bastante á de meses antes, cando as precipitacións cubrían toda a superficie dunha lámina de auga de varios centímetros de alto. O sistema de drenaxe colocado polo Concello nas vacacións aliviou notablemente esta situación, aínda que, tal como se dixo no seu día, faltaba comprobar o resultado dos traballos cando regresaran as choivas. Por iso, hoxe mesmo, as concellerías de Educación e Obras acordaron actuar nos dous puntos deste corredor no que aínda se acumulaba algo de auga: tras a portería do campo e no lateral do patio cuberto do ximnasio. Instalaranse un sumidoiro máis en cada punto que irá conectado á canalización soterrada de recollida de pluviais para facilitar o drenado desas dúas bolsas.
Independentemente do seguimento que se continuará facendo a estes primeiros traballos para poñer fin ás inundacións do patio deste recinto escolar, o Concello está á espera de recibir o presuposto solicitado para actuar tamén nos outros dous accesos interiores aos colexios dende o parque da Lomba e dende a Rúa Xunqueira. A idea é a mesma, tratar de que as choivas no asolaguen as zonas de paso. Estes novos traballos financiaranse con cargo aos ornamentos municipais de 2015.
Tanto as obras realizadas no recinto da Lomba como no do Piñeiriño tiñan como obxectivo actuar nas zonas de paso obrigado entre as entradas ao recinto e os edificios educativos propiamente ditos para evitar que alumnos e profesores tiveran que camiñar por zonas asolagadas ou enlamadas, problema que se repetía dende hai xa moitos anos. Estes corredores considéranse zonas prioritarias para actuar, xa que son zonas de paso obrigado para entrar e saír dos colexios todos os días do ano.
Caso completamente diferente é o das pistas deportivas e campos de fútbol, zonas que non se usan para xogar ou facer ximnasia cando chove, e que se poden evitar circulando polas zonas de paso. Nestas zonas, tamén de terra, serrase pozas nas zonas máis desgastadas polo uso (como diante das porterías) ou que presentan desniveis. Estes problemas teñen un tratamento diferente, xa que non é viable instalar un sumidoiro ne medio dunha portería. Os traballos deberían consistir no nivelado do terreo. En calquera caso, a prioridade e que revista maior urxencia nestes momentos é resolver os problemas de asolagamento nas zonas de paso obrigado e de uso cotiá.











