O número de casamentos civís en Vilagarcía recuperouse en 2014 con 42 vodas
Si o ano 2013 a celebración de casamentos civís no consistorio vilagarcián rexistrou un tímido incremento despois de dous anos de descenso, o 2014 foi o ano da recuperación xa que coas 42 vodas oficiadas en Ravella retómanse as cifras do ano 2010. Da estatística anual constatase que os meses de xullo e agosto son os preferidos polas parellas para casar, así como que a concelleira máis casamenteira foi Rocío Llovo, con máis da metade de matrimonios oficiados e mesmo dobrando aos realizados polo alcalde, que ostentou o liderato desta lista ata 2013.
O 2014 foi un bo ano con bastante intensidade en Ravella no que a vodas civís se refire, posto que das 31 celebradas en 2012 e das 34 do ano pasado, pasamos ás 42. Esta cifra é similar á de 2010, aínda que segue quedando lonxe do récord rexistrado en 2007 cando no Concello contraeron matrimonio 53 parellas.
Os noivos seguen preferindo o verán para casar, sendo os meses de xullo e agosto os que acolleron máis celebracións, 7 en cada un dos meses. A tendencia respecto ao ano pasado varía lixeiramente xa que, mentres que en 2013 os primeiros meses de outono tamén rexistraban bastante actividade, neste caso adiántase o mes de maio, con 5 vodas, seguidos dos de setembro e decembro, con 4 cada un deles. A continuación, e igualados con 3 casamentos situáronse xuño,outubro en novembro. O frío tampouco arredou ás parellas animadas a casar no Concello, xa que en febreiro, marzo e abril houbo 2 vodas en cada un dos meses. As únicas páxinas do Libro de Vodas que quedaron baleiras en 2014 foron a do mes de xaneiro.
A potestade de oficiar casamentos no Concello corresponde ao alcalde que a pode delegar noutros membros da Corporación. Ademais, tamén se lles ofrece aos noivos a posibilidade de que sexan eles os que elixan o edil que desexan que os case. Por vez primeira no mandato, o alcalde, Tomás Fole, foi desbancado do liderato pola súa compañeira de equipo, Rocío Llovo, quen oficiou nada menos que 24 cerimonias. A concelleira de Cultura presidiu máis da metade dos casamentos celebrados en 2014 e dobrou aos realizados polo rexedor, que este ano casou a 12 parellas.
O ránking de concelleiros casamenteiros complétase con outros 3 edís, aínda que a moita distancia dos primeiros. Son os populares Manuel Méndez, que casou en 3 ocasións, e Benito Pérez Dorgambide; e a socialista Tania García que oficiou 2 vodas, sendo a única concelleira da oposición que desempeñou esta función o pasado ano.
O Concello de Vilagarcía leva 19 anos celebrando vodas civís. A primeira tivo lugar na primavera de 1995 e, dende entón, suman 564 as parellas que elixiron o consistorio para contraer matrimonio pola vía civil.
Os noivos que elixen o Concello para casar poden optar pola voda administrativa ou pola cerimonial. As primeiras poden celebrarse de luns a venres en horario laboral do Concello e consisten na firma da documentación na Alcaldía. A voda cerimonial pode celebrarse polas tardes, fins de semana ou festivos. Celébranse no Salón Nobre e a escalinata principal do Concello cóbrese coa alfombra vermella.
Dende o ano 2007, es vodas conlevan a aplicación dunha taxa correspondentes aos gastos de apertura do Concello fora de horario laboral e do persoal preciso para a posta a punto do salón nobre. O ano pasado a taxa foi de 78,05 euros
O Concello ten por norma agasallar aos noivos cun detalle, o ano pasado entregóuselles de recordo o bolígrafo cerimonial co que firmaron a acta matrimonial.











