O novo extremo zurdo celeste, Bongonda, foi presentado no Estadio de Balaídos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaVigo
A-
A+
Presentación de Bongonda. Foto: realclubceltadevigo

Presentación de Bongonda. Foto: realclubceltadevigo

Balaídos acolleu hoxe a presentación de Théo Bongonda (Bélxica, 1995), novo atacante celeste que asina polo club vigués ata xuño de 2019. Bongonda, internacional sub-21 coa selección belga, recibiu a benvida da conselleira Carmen Avendaño en representación do Consello de Administración céltico, mentres que o director deportivo Miguel Torrecilla facilitou detalles sobre as características e expectativas deste prometedor futbolista.

“Está capacitado para desbordar, con moita velocidade. Ten un gran futuro por diante e pode dotar ao equipo dunha maior fortaleza ofensiva. A súa marxe de mellora é enorme”, explicou Torrecilla.

“É unha grande honra vir ao Celta”, declarou Bongonda. O xoven dianteiro, que asistiu ao encontro do Celta ante o Valencia, destacou que “ao equipo lle gusta xogar co balón. Creo que hai cousas moi boas que podo achegar”. Bongonda tamén quixo agradecer ao vestiario o xeito en que o acolleron: “Son moi bos xogadores e teño que aprender moito deles”.

“Despois da chuvia vén o bo tempo”, declarou o xa xogador céltico preguntado polo refacho de resultados do Celta nas últimas xornadas: “No club do que veño tamén estabamos a pasar un mal momento. Imos remontar esta situación”.

Théo Bongonda, que levará o número 18, forma parte da expedición do primeiro equipo para os partidos ante Athletic Club (Copa do Rei) e Espanyol (Liga), polo que podería debutar co Celta esta mesma semana.

12 de xaneiro de 2015 | 18:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.