O material recollido nos colectores amarelos da Laracha incrementouse nun 56% no último cuadrimestre do ano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

Os datos de recollida de residuos sólidos urbanos (colector xenérico verde) e de plásticos e envases (recipiente amarelo) durante o ano 2014 aportados ao Concello da Laracha pola empresa concesionaria deste servizo poñen de manifesto o éxito da iniciativa do goberno local dirixida a reforzar a cobertura de colectores amarelos tanto nos tres cascos urbanos como nas parroquias, medida que se levou a cabo a finais do pasado verán instalando duascentas novas unidades en diferentes puntos do termo municipal. Previamente levárase a cabo unha campaña informativa co propósito de sensibilizar á poboación sobre a importancia da separación dos residuos para facilitara posterior reciclaxe.

As diferenzas entre a pasada anualidade (2014) e a anterior (2013) en canto á recollida de residuos comezan a ser visibles na comparativa dos últimos catro meses: desde setembro ata decembro, mentres o volume de quilos depositados no colector xenérico se mantén nunhas magnitudes similares entre un e outro exercicio, o material recollido dos colectores amarelos presenta un incremento dun cincuenta e seis por cento.

Como datos concretos, no último cuadrismestre de 2013 recolléronse 1.221 toneladas dos colectores xenéricos e 17.780 quilos dos amarelos, ascendendo as cifras de 2014 nese mesmo período a 1.257 toneladas e 27.780 quilos respectivamente.

No total anual de 2014 o Concello da Laracha recolleu, transportou e xestionou 3.730 toneladas de residuos sólidos urbanos depositados nos colectores xenéricos e case 70.000 quilos de plásticos e envases dos colectores amarelos.

Deste xeito o Concello da Laracha, grazas á colaboración da veciñanza, está a lograr o dobre obxectivo do desenvolvemento sostible -respectando ao medio ambiente a través da separación dos residuos – e de reducir a carga de lixo que se transporta á planta de Sogama para o seu tratamento.

Non obstante, e a pesar do esforzo tanto do Concello como dos veciños, o servizo continúa a ser deficitario, supoñendo un gasto anual duns 215.000 euros para as arcas municipais (diferenza entre o recadado polo servizo e o custo real da recollida, transporte e tratamento dos residuos máis o funcionamento do punto limpo e a reparación e substitución de colectores e amarres). Isto explícase por dous motivos esenciais. Por unha parte, a decisión do goberno local de conxelar os recibos nos últimos anos e, por tanto, asumir con fondos propios o incremento do custo do tratamento dos residuos en Sogama sen repercutilo nos cidadáns. Por outra banda, o mal uso dos colectores que se rexistra en determinados puntos do termo municipal. Neste sentido, o Concello da Laracha lembra que os restos vexetais procedentes de limpezas de fincas particulares non son residuos urbanos e, por tanto, non poden depositarse nos colectores. A Policía Local ten orde de investigar situacións destas características e impoñer as correspondentes sancións económicas aos responsables das mesmas.

Punto limpo

Ao longo do ano 2014 a Asociación de Pais de Discapacitados Psíquicos de Bergantiños (Aspaber) foi a entidade concesionaria da xestión do punto limpo da Laracha, así como da recollida de papel-cartón e vidro nos colectores azuis e iglús verdes situados ao longo do territorio municipal larachés.

A esta instalación municipal acudiron durante os últimos doce meses 1.519 veciños do Concello da Laracha co propósito de desfacerse dos residuos que polas súas especiais características non poden ser depositados nos colectores de lixo. Ademais, realizáronse 390 saídas para prestar o servizo de recollida de voluminosos a domicilio.

Como cifras máis chamativas, salientar que no punto limpo da Laracha foron recollidos e xestionados no ano 2014 máis de mil litros de aceites vexetais e minerais, 183 toneladas de envases de vidro, 113 toneladas de papel e cartón, preto de 1.200 aparellos electrónicos e electrodomésticos, 36 quilos de pilas, 370 colchóns e 296 sofás, entre outros residuos.

O Concello da Laracha valora de xeito positivo o aumento destas magnitudes, entendendo que esta circunstancia se explica polos novos servizos postos en marcha pola concesionaria e contemplados previamente polo goberno local nos correspondentes pregos que rexeron o proceso de contratación e que xa incluían tanto a recollida de voluminosos a domicilio como o sistema de recollida de papel, cartón e plásticos denominada ao pé dos colectores que poden solicitar os locais comerciais.

O punto limpo é un servizo municipal que o Concello da Laracha pon á disposición dos seus veciños de xeito gratuíto. A instalación, situada xunto á ponte do Formigueiro, moi preto do casco urbano da capital municipal, está aberta ao público os luns, mércores e venres pola tarde e os sábados en horario matutino e vespertino. O servizo de recollida de voluminosos a domicilio (mércores, xoves e venres pola mañá) tamén é gratuíto e pode concertarse cita poñéndose en contacto con Aspaber por vía telefónica ou por correo electrónico.

12 de xaneiro de 2015 | 11:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.