O Marco de Vigo acolle a exposición ‘Paixón e cálculo’ do artista Francisco Mantecón

Inauguración da mostra
O Museo de Arte Contemporánea de Vigo (Marco) acolle dende este venres e ata o próximo 31 de maio a exposición ‘Paixón e cálculo’, do deseñador e artista vigués, Francisco Mantecón. Posteriormente, a mostra trasladarase ata A Coruña, onde poderá ser visitada na Fundación Luis Seoane.
Máis de 90 obras de máis de 30 coleccións públicas e privadas conforman esta mostra, a máis grande que se lle fixo do artista ata o momento, na que se recolle só unha parte da creación do vigués, concretamente a parte máis moderna da súa obra.
O director do Marco, Iñaki Martínez, destacou que esta exposición “pon no lugar que lle corresponde a un autor moi importante”, que se presenta con obras abstractas nas que priman os motivos xeométricos, a cor e as sombras, cos que trataba “de expresar o máximo co mínimo”.
‘Paixón e cálculo’ conta tamén cunha publicación complementaria, un libro da Editorial Galaxia, que reflexiona sobre a vida e obra de Mantecón. Paralelamente, os visitantes poderán gozar estes días unha selección bibliográfica e dixital da biblioteca persoal do autor, libros e catálogos que foron doados pola familia ao Marco.
Piar Barreiro, a viúva do artista, recoñeceu este venres o labor dos comisarios da exposición quen, dixo, “fiaron fino toda a obra” de Mantecón para trasladar ao público a súa idea de que “o caos ou entropía pode ser achegada e dá lugar a novas preguntas a nivel existencial”.
Á inauguración acudiron o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o concelleiro de Cultura de Vigo, Cayetano Rodríguez, quen resaltou que esta é “unha proposta de éxito na que o concello non podía deixar de estar” e sobre a que puxo en valor “o sobrecogimiento do diálogo da xeometría, o cálculo e, en definitiva, a vida”.











