O luns 19 comezan as restricións ao tráfico no periférico polas obras do enlace de Conxo
Reducirase o número de carrís de 2 a 1 na calzada sentido Pontevedra, na contorna da glorieta de Conxo, e prohibirase o xiro á esquerda na rotonda ao tráfico sentido Pontevedra, así como o acceso dende a rúa Sánchez Freire e avenida de Ferrol á glorieta. Prégase aos vehículos que circulen pola SC-20 (periférico) en sentido saída sur da cidade que utilicen a AP-9 para evitar a rotonda de Conxo Con motivo da execución da primeira fase das obras do paso inferior da rotonda de Conxo en Santiago de Compostela, faise preciso modificar o tráfico da seguinte maneira:
– Reducirase o número de carrís de dous a un na calzada sentido Pontevedra na estrada SC-20 entre os puntos quilométricos 7+250 e 7+750 (na contorna da glorieta de Conxo).
-Prohibirase o xiro á esquerda na mencionada glorieta para o tráfico sentido Pontevedra.
– Prohibirase o acceso desde a rúa Sánchez Freire e avenida de Ferrol á glorieta excepto para os autobuses urbanos de liña.
– Os vehículos procedentes da rúa Antón Fraguas (sentido Pontevedra), avenida Ferrol e Sánchez Freire que queiran acceder á zona do hospital de Conxo e á igrexa farano pola rúas Travesía de Conxo de Arriba e Travesía de Conxo de Abaixo (paso inferior SC20).
– Os vehículos procedentes da avenida de Ferrol e García Prieto que intenten acceder ao devandito hospital de Conxo tamén poderán facelo pola rúa do Penedo e rúa Bermejo.
– Manterase a capacidade da calzada sentido A Coruña (dous carrís) así como os accesos á glorieta.
As restricións expostas comezarán o vindeiro luns 19 de xaneiro ás 10:30 horas e estenderanse ata o mes de marzo. Os traballos a realizar nesta primeira fase consistirán en movementos de terras para ampliar a sección da estrada.
Recoméndase que os vehículos que circulen pola SC-20 en sentido saída sur da cidade utilicen a AP-9, para evitar así rotonda de Conxo. Garantirase a permeabilidade entre barrios para o tráfico local a través dos desvíos sinalizados que cruzan a SC-20 por medio de pasos inferiores.
Tanto os desvíos como os itinerarios alternativos durante esta primeira fase estarán debidamente sinalizados con obxecto de minimizar as afeccións ao tráfico. Prégase que se atendan especialmente as indicacións dos paneis informativos de tráfico.
O Concello de Santiago de Compostela prega aos cidadáns desculpen as molestias que estas alteracións no tráfico lles poidan ocasionar.











