publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O libro “O soño galego de Julio Cortázar” preséntase na Casa das Palmeiras

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNeda
A-
A+

A Casa das Palmeiras será escenario este mércores, 21 de xaneiro, da presentación da última obra de Francisco X. Fernández Naval. Un libro titulado “O soño galego de Julio Cortázar”, estreitamente vinculado á real vila de Neda. E é que esta publicación dá continuidade a unha primeira obra, “Respirar polo idioma”, que o seu autor xestaba no marco das I Xornadas Literarias de Neda, celebradas en torno á figura de Julio Cortázar en 2003, e nas que Fernández Naval tomaba parte como ponente. Agora, o escritor elixe a vila para facer a presentación desta segunda obra.

O acto, aberto á cidadanía, principiará ás 19 horas e nel tomarán parte os integrantes do Club de Lectura do municipio, do IES Fernando Esquío, e doutras bibliotecas da comarca. No ano 2006 Aurora Bernández cedía a Galicia o seu arquivo fotográfico e tamén o do escritor Julio Cortázar. Ese patrimonio documental está depositado no Centro Galego das Artes e da Imaxe, encargado da súa custodia e conservación. Poucos meses antes, a editorial Linteo publicaba o libro Respirar polo idioma: os galegos e Julio Cortázar, no que o escritor Francisco X. Fernández Naval, afondaba nas relacións que o escritor arxentino mantivo con Galicia e os galegos do exilio e da emigración, así como a visión que tivo deles e da que deixou constancia na súa obra. Porén, o legado cedido por Aurora achegou nova información que non invalidaba senón confirmaba o xa expresado polo autor en Respirar polo idioma, información complementada, tamén, por nova documentación ata entón descoñecida e pola achega de persoas que mantiveron relación con el e que fixeron chegar ao autor a súa memoria, como foi o caso de Xosé Neira Vilas.

Esta nova publicación, O soño galego de Julio Cortázar, funde nun só texto toda esa información, a que ofrecía Respirar polo idioma e as novas aportacións. Pero o autor decidiu dar un paso máis, conmemorando de maneira festiva o centenario do nacemento de Cortázar, amosando a rica e intensa presenza na cultura galega contemporánea do escritor nacido en Bruxelas en 1914. E fala Francisco X. Fernández Naval de presenza e non influencia, consciente de que o primeiro termo leva implícitos os conceptos liberdade, diálogo e xogo, tan do gusto de Julio Cortázar.

19 de xaneiro de 2015 | 13:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.