O ladrón do Códice Calixtino non se presenta ao xuízo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press

José Manuel Fernández Castiñeiras, ladrón confeso do Códice Calixtino, non se presentou na mañá deste xoves nos xulgados composteláns, onde estaba citado como acusado para responder do roubo de correspondencia aos seus veciños, ao encontrarse ingresado nun hospital.

Dende primeira hora da mañá, numerosos veciños e medios de comunicación esperaban con expectación a chegada aos xulgados de Fontiñas do ladrón confeso do Códice, que debía declarar como acusado a partir das 9,30 horas.

Non obstante, e tras realizar varias chamadas, o xulgado comprobou que Fernández Castiñeiras non se presentara. Segundo un informe que achegou a súa avogada, o home encóntrase ingresado nun centro hospitalario dende as 8,00 horas deste xoves, aínda que non transcendeu nin o centro nin o motivo do ingreso.

Dado que, pola pena que se lle pide, é imprescindible a súa presenza para celebrar o xuízo, o tribunal acordou poñerse en comunicación co hospital no que se encontra ingresado para coñecer detalles do seu estado e o alcance que tería a súa estanza no centro. Unha vez que coñezan esta información, determinarán se a vista pode aprazarse para unha hora posterior ou debe cambiarse de día.

Dáse a circunstancia de que Fernández Castiñeiras tamén está citado o próximo martes para comparecer como acusado no xuízo polo roubo do Códice Calixtino, polo que os resultados do seu ingreso poderían modificar tamén esta vista.

15 de xaneiro de 2015 | 10:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.