O ladrón confeso do Códice recibe a alta hospitalaria
O ladrón confeso do Códice Calixtino, José Manuel Fernández Castiñeiras, foi dado de alta no Hospital do Salnés, onde permaneceu unhas horas ingresado despois de que na mañá deste mércores se sentise indisposto. O seu ingreso provocou a suspensión do xuízo por roubo de correspondencia ao que estaba citado como acusado.
Segundo confirmaron fontes sanitarias, Fernández Castiñeiras ingresou a primeira hora da mañá deste mércores no Hospital do Salnés e, tras realizarlle as probas pertinentes, foi dado de alta horas despois.
O acusado debía presentarse ás 9.30 horas nos xulgados de Fontiñas para declarar no xuízo que se segue por supostamente roubar centenares de cartas aos seus veciños. Non obstante, Fernández Castiñeiras enviou un fax ao xulgado no que informaba de que se encontraba hospitalizado dende primeira hora da mañá.
Aínda que non transcendeu o motivo do seu ingreso, as declaracións da súa avogada, Carmen Ventoso, deixaron entrever que puido estar motivado por cuestións relacionadas co estrés.
O propio centro hospitalario informou durante a mañá o xulgado de que Fernández Castiñeiras sería dado de alta nunhas horas, algo que finalmente se produciu. Non obstante, a xuíza decidiu suspender a sesión prevista e convocala para o mes de febreiro.











