O grupo ourensá Priscila ofrece un pequeno acústico no Centro Comercial Ponte Vella

Priscila
Priscila, o grupo de música máis consolidado da cidade de Ourense, ofrece o vindeiro sábado 31 de xaneiro, un acústico no Centro Comercial Ponte Vella ás 20.30 horas, no que tocará temas do seu último disco, que leva por título “Cenizas”.
Tralo acústico, no que o grupo ten pensado mostrar aos asistentes algunhas das súas novas cancións, a banda levará a cabo unha firma de discos para todos aqueles que se queiran a chegar. Os asistentes poderán escoitar cancións coma “Aquella noche”, “El hombre del reloj” ou “Hoy llueve”.
Nesta mostra musical estarán presentes os catro membros da banda: Fernando González, á voz do grupo; Miguel Fidalgo e Aitor-Víctor Fernández, ás guitarras; e JorgeIglesias, á batería.
Os músicos ourensáns andan envoltos na promoción do seu último disco, que chega logo dunha traxectoria de oito anos. Disco que presentarán oficialmente nun espectáculo moi especial o próximo 21 de febreiro no Auditorio Municipal de Ourense, e cuxas entradas xa están a venta na plataforma dixital de Servinova. Ademais, esta fin de semana amosarán o cartel oficial do concerto.
O ano 2015 comeza cun sabor moi doce para estes artistas, que a pesar da súa curta idade, contan cunha reputada traxectoria composta por máis de 200 concertos entre Madrid e Galicia, unha extensa actividade nas redes sociais, máis de 800 copias vendidas das súas dúas primeiras demos, así como máis de 1000 exemplares do primeiro EP editado “Priscila”.











