O Grupo Chévere abre o ciclo da rede galega de teatro no Auditorio de Vilagarcía
O ciclo de teatro galego para o primeiro trimestre do ano chega ao Auditorio cun peso pesado. O grupo Chévere, Premio Nacional de Teatro 2014, será o encargado de abrir o ciclo financiado polo Concello e a Agadic, e a través do cal Vilagarcía acollerá catro funcións teatrais durante o primeiro trimestre do ano.
Chévere regresará a Vilagarcía, apenas dous meses despois de espallar a súa fama e calidade por todo o territorio español tras ter recibido o máximo galardón que se concede en España a unha compañía O Premio nacional de Teatro.
O grupo con sede no Milladoiro estreará o ciclo da Rede Galega no Auditorio coa representación, o 14 de febreiro, de “Ultranoite no País dos Ananos”. A testemuña recóllea a compañía Voadora o 21 dese mesmo mes, para poñer en escena “A Tempestade”. O ciclo proseguirá no mes de marzo coa representación de “Lúas de Outubro e Agosto” a cargo de Guadi Teatro e de “O Crédito”, de Eme2 emoción@arte, os días 7 e 21.
Coa súa adhesión á programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios, o Concello de Vilagarcía segue apostando polo teatro galego e o teatro de calidade. Catro das mellores compañías da comunidade e mesmo do panorama estatal estrearán na cidade as súas últimas montaxes, ofrecendo aos vilagarciáns e aos veciños da contorna a posibilidade de gozar do mellor teatro a prezos case simbólicos. Para facilitar o acceso dos cidadáns á cultura a través do teatro mediante entradas baratas, Concello e Agadic, asinaron un convenio de colaboración mediante o que se financiar o ciclo que precisa dun orzamento próximo aos 20.000 euros. As actuacións finánciase ao 50%.











