O Gofriller de Pau Casals brillará nun concerto único no escenario do Colón

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCalendario
A-
A+

O domingo 25 ás 20:00 horas o Tempest Trío ofrecerá un concerto único dentro do Ciclo de Grandes Intérpretes. A música tamén estará presente o sábado 24 ás 20:30 horas da man de Khitara, o último proxecto do músico coruñés José Carballido.

O Tempest Trío é, sen dúbida, unha das formacións máis interesantes a nivel internacional. Formada polo pianista Alon Goldstein, o violinista Ilya Kaler e o violonchelista Amit Peled destacan polo seu dominio da técnica e a súa profundidade expresiva. Cada un dos compoñentes deste trío ten unha longa carreira de éxito como solista virtuoso e aportan vitalidade ao conxunto, revitalizando a escena de concertos internacional coa súa dinámica interacción musical e o seu espírito de colaboración.

O concerto do domingo conta ademais co aliciente de poder gozar do son do violonchelo de Pau Casals, que lle foi cedido a Amit Peled pola viúva do mestre catalán, e que o músico israelí chama cariñosamente Pablo. Trátase dun violonchelo obra de Matteo Gofriller que tocaba Casals e que data do ano 1700 aproximadamente. Estes tres grandes músicos que forman o Tempest Trío propóñennos un concerto con obras de Rachmaninov, A. Dvorak ou Schumann. Como actividades paralelas o trío ofrecerá unha masterclass o domingo ás 12:00 horas dirixida a alumnos do conservatorio e varios alumnos deste centro actuarán como teloneros no concerto.

A programación da fin de semana complétase co concerto de Khitara o sábado 24 ás 20:30 horas. Capitaneado polo músico José Carballido Khitara ofrécenos unha viaxe íntima pola historia do rock, arranxando e reinventando para un conxunto instrumental de catro guitarras e percusión temas de grandes bandas como Led Zeppelin, Deep Purple, Queen, Pink Floyd, Scorpions, etc.

As entradas poden adquirirse a través da páxina web do teatro www.teatrocolon.es, en www.servinova.com. No quiosco da Praza de Ourense, en horario de luns a venres de 9.30 a 13.00 e de 16.30 a 19.30 e tamén na sede do Centro Sociocultural A Fundación, no Cantón Grande 21/23, de luns a sábado, 9.00 a 21.00 horas. Ademais, no despacho de billetes do propio teatro o mesmo día do espectáculo de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a peche.

23 de xaneiro de 2015 | 17:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.