O goberno vilagarcián busca a colaboración da hostalería para ofertar tapas relacionadas coa camelia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

A Concellerría de Cultura leva xa unhas semanas traballando nos preparativos do Concurso Exposición Internacional da Camelia que este ano se celebrará en Vilagarcía os días 14 e 15 de marzo. O departamento que dirixe Rocío Llovo pretende implicar aos principias sectores económicos da cidade para aproveitar o tirón deste evento internacional potenciando a oferta turística da cidade nesas datas. A primeira proposta da Concellería é que a hostalaría ofreza tapas especiais relacionadas coa camelia.

Nas dúas xuntanzas mantidas ata o de agora cos representantes do sector hostaleiro, turístico, comercial e de floristas do municipio, a concelleira deixou claro que a súa colaboración é esencial para ampliar e enriquecer o programa da Exposición da Camelia. Despois de 50 edicións, Vilagarcía pretende innovar para facer desta cita un gran atractivo turístico que serva para atraer xente a cidade durante esas festas e para vender Vilagarcía como destino tur´ñistico permanente en relación á flor das Rías Baixas.

Os representantes da hostalaría trasladarán aos seus asociados a idea e, nun próximo encontro, concretarán o número de participantes e a forma de organizar esta proposta de maridaxe entre a cultura floral e a gastronómica.

A Exposición Internacional da Camelia é un evento cuxa organización vai rotando entre os municipios de Vigo, Pontevedra e Vilagarcía. O Concello pretende que a edición de 2015 sexa moito máis que o tradicional concurso floral, por iso ademais das xa consolidadas actividades paralelas das xornadas da camelia, ou o concurso de escaparatismo, o Concello plantea a proposta gastronómica e a realización de rutas e visitas guiadas, ademais doutras novidades que se irán concretando nas vindeiras xuntanzas.

De forma paralela, o Concello está a piques de rematar a elaboración das bases do concurso floral da Camelia cuxa convocatoria darase a coñecer a vindeira semana co obxecto de que a información poida chegar aos diversos lugares de España, Europa e outras nacións interesadas no evento.

14 de xaneiro de 2015 | 18:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.