O goberno local de Cambre asegura que a ruptura da canalización de Socampo quedará solucionada mañá

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCambre
A-
A+

O pasado venres, sobre as 14.30 horas, o Concello tivo coñecemento da avaría dun colector de saneamento na zona de Socampo. Inmediatamente desprazouse á zona tanto a empresa de Augas para tratar de solucionar a avaría. Nun primeiro momento usouse un camión motobomba porque se pensou que a avaría era consecuencia dun atoamento no colector. Ao comprobar que había unha rotura a máis de catro metros de profundidade, e que a maquinaria que posuían non era efectiva para erradicar a rotura, decidiron, xa pola tarde, poñerse en contacto con varias empresas para realizar o traballo. A empresa de Aguas asegura que non houbo forma de contactar ese venres con ningunha empresa para resolver o problema polo que se tivo que formular varias decisións.

Explica que non era posible deter a fuga sen apagar os bombeos de cinco parroquias cambresas, e que as consecuencias serían aínda peores. Nese caso as verteduras irían parar directamente ao río, polo que se optou, segundo o edil de Obras, Manuel Marante, pola medida menos contaminante. E é que os técnicos cren que a fuga non debería alcanzar o río e filtrarase nos terreos anteriores á vía do tren. Agora mesmo encóntrase na zona unha empresa que se fixo cargo dos traballos na citada canalización, que esperan concluír mañá mesmo.

Dende primeira hora da mañá os técnicos e o concelleiro de Obras seguiu os traballos de reparación da canalización de cemento de grandes dimensións que se partiu o pasado venres e que esperan arranxar entre hoxe e mañá. O concelleiro de Obras, Manuel Marante, asegura que se trata dunha urxencia que se tratou de solucionar dende o primeiro momento no que se tivo constancia dela. Por outra parte, os técnicos do concello analizan os motivos da ruptura e non descartan que sexa consecuencia dun pequeno derrubamento de terra ou da antigüidade da propia canalización.

19 de xaneiro de 2015 | 19:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.