O goberno local da Laracha propón ao Sergas separar o centro médico e o PAC

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LarachaLocal Portada
A-
A+

O alcalde do Concello da Laracha, José Manuel López Varela, acompañado polos concelleiros José Ramón Martínez Barbeito (tenente alcalde) e Rocío López (edil responsable da área de sanidade) e técnicos municipais, mantivo unha reunión de traballo no centro sociocultural de Santa Lucía cos técnicos da Dirección Xeral de Investimentos do Servizo Galego de Saúde (Sergas).

Aproveitando que o recinto no que se sitúa a citada instalación sociocultural se sitúa contiguo ao centro de saúde da Laracha, o goberno local pretende readaptar o seu uso para albergar o punto de atención continuada (PAC), e así separar as dúas instalacións médicas, mesmo dispoñendo dunha entrada independente para cada unha delas.

Actualmente o PAC da Laracha ocupa unha das salas do interior do centro de saúde, ámbito que quedaría liberado para outras funcións no caso de ser aceptada a proposta do goberno municipal. Por tanto, o obxectivo final é un mellor aproveitamento dos espazos dispoñibles para unha maior comodidade tanto para os profesionais como para os usuarios de ambas instalacións.

Na súa visita á Laracha os técnicos do Sergas puideron comprobar persoalmente o estado do edificio do centro sociocultural de Santa Lucía, ademais de intercambiar impresións cos membros do goberno local e os técnicos municipais.

Precisamente coa finalidade de separar as instalacións do PAC e do centro de saúde, o Concello da Laracha promoveu a cesión gratuíta ao Sergas tanto do centro sociocultural de Santa Lucía como do seu recinto exterior, medida que foi aprobada polo Pleno en novembro do ano 2010.

24 de xaneiro de 2015 | 19:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.