O goberno de Nigrán aproba o presuposto para 2015
O goberno municipal saca adiante as contas para o exercicio 2015, un presuposto que ascende a 12,3 millóns de euros que prioriza o gasto social, en educación e en emprego, e un capítulo de investimento que supera os 500.000 euros. Faino tras inadmitir os escritos presentados polo voceiro de IU, José Cuevas ao presuposto por incumprimento en contido e forma da lei vixente, cos votos do grupo popular e Ignacio Vilas, e a abstención de PSOE, BNG e UCN.
O concelleiro de Economía, Facenda e Persoal, Alberto García Pazos, foi o responsable de defender o único punto da sesión extraordinaria celebrada hoxe, convocada polo goberno municipal por considerar urxente e prioritario dotar a Nigrán dun presuposto en vigor.
Na súa intervención, o concelleiro e tenente de alcalde, destacou a importancia da aprobación do presuposto. “Tras case un ano de cambadelas por parte dos grupos políticos da oposición, o goberno municipal saca adiante un presuposto que nos permitirá poñer en marcha políticas de emprego subvencións a colectivos, gasto social, educación e investimentos”, recalcou.
Neste sentido, rexeitou as acusacións realizadas polo voceiro do PSOE de Nigrán, Juan A. González, de falta de consenso e participación. “Dende hai case un ano, son vostedes os que non queren que Nigrán e os seus veciños teñan un presuposto en vigor. Pero por moito que crea que as pedras as poñían a este goberno, equivócase. As pedras poñíanllelas á xente de Nigrán, aos seus veciños, e á economía deste concello”.
Neste sentido, recordou que Nigrán hoxe puxo o seu gran de area á recuperación económica do país. “É inadmisible que un concello teña liquidez e solvencia e que, por estratexia política, non poida reverterse nos veciños e en reactivar a economía municipal”, apuntou.
100% de pagamento a provedores e datos económicos
Pola súa banda, o alcalde de Nigrán, Alberto Valverde, achegou outro dato positivo que reflicte a salubridade da economía municipal, ao avanzar que o concello pecha o exercicio 2014 con todos os pagamentos a provedores e cun período medio de pagamento moi por debaixo da marca dos 15 días. “Fronte á necesidade doutros anos de ter que acudir a recoñecementos extraxudiciais de crédito por valor de 1,5 millóns ou de 261.792 euros para afrontar o pagamento a provedores realizados nos anos 2009 ou 2010, este ano pecharemos o exercicio 2014 con todas as nosas facturas pagadas”, sinalou Valverde.
Así mesmo, o traballo responsable e a xestión económica do equipo de Valverde, co concelleiro de Economía e Facenda e tenente de alcalde, Alberto García Pazos, á fronte do departamento de intervención, e grazas tamén ao traballo dos funcionarios deste departamento, permítenos estar en disposición de dicir e mostrar as fantásticas cifras económicas de Nigrán, que distan moito das que nos encontramos ao chegar, no ano 2011,” apuntou.
No ano 2009, o Concello de Nigrán tiña unha débeda financeira de 6,1 millóns de euros e un remanente de tesouraría de dous millóns de euros en negativo, unhas cifras que na actualidade se reduciron a 1,2 millóns de euros de débeda e a un remanente de tesouraría de algo máis de 2 millóns de euros en positivo, “aínda que a nosa previsión é que pecha este mandato con débeda practicamente cero”, avanzou.
“Uns datos que dan resposta ás acusacións de mala xestión e dispendio que en diversas ocasións realizaron os grupos da oposición, e ás que, como non podía ser doutro modo, este goberno responde con feitos e datos obxectivos, non con labia,” concluíu Valverde.











