O festival Sinsal volverá a celebrarse do 24 ao 26 de xullo en San Simón

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioRedondela
A-
A+
Europa Press

festival-sinsalO festival Sinsal Son Estrella Galicia volverá celebrarse este ano do 24 ao 26 de xullo na illa de San Simón, na Ría de Vigo, e nesta ocasión haberá bonos para as xornadas do venres e o sábado, que sairán á venda proximamente, segundo anuncia a organización, que sinala que terán un prezo reducido de 55 euros os 100 primeiros.

Esta nova edición incorpora cambios que afectarán ao xeito de gozar o festival por parte do público, segundo explican os organizadores nun comunicado de prensa. Así, por primeira vez poñerán un bono á venda que cubrirá as xornadas do venres e o sábado.

O domingo haberá unha xornada diferente e cun carácter “especial”, segundo sinalan. Como adianto, avanzan que será o único día en que se poñerán entradas de neno á venda e que o horario será máis reducido que en pasadas edicións.

Sinsal Son Estrella Galicia busca ampliar a experiencia e as actividades na illa. E todo desde un porto, destacan, xa que todos os barcos sairán esta vez e chegarán a Meirande, en Redondela, onde se atopa o Centro de Interpretación de Rande.

Os bonos para Sinsal Son Estrella Galicia 2015 sairán á venda próximamente, e o anuncio farase a través das redes sociais do festival.

BONO PARA 24 E 25 DE XULLO

O bono cubrirá as xornadas do venres 24 e o sábado 25 de xullo e sairá cun prezo reducido de 55 euros os 100 primeiros. A partir de aí pasarán a custar 65 euros ata o 17 de xullo, unha semana antes do comezo do festival, cando chegará a 75.

As entradas para o venres e o sábado comezarán custando 30 e 45 euros respectivamente, para subir a 35 e 50 posteriormente. Os bonos de 55 euros serán, polo tanto, “unha excelente oportunidade para achegarse a San Simón a un prezo reducido”, segundo indica a organización do festival.

DOMINGO 26 DE XULLO

A do domingo será unha xornada reducida na que se contará con algún dos grupos do sábado e con actividades especiais dirixidas a público infantil e xuvenil. As entradas terán un prezo de 30 euros para adulto e de 7 para nenos ata os 16 anos incluídos.

Este prezo estenderase ata o 17 de xullo, cando pasarán a custar 35 euros e 9 euros respectivamente. Só haberá entradas para neno á venda para a xornada do domingo.

HORARIOS

Os horarios, segundo informa a organización do Sinsal, serán diferentes cada día. O venres 24 os concertos comezarán ás 16,30 horas e terminarán ás 21,00. O sábado 25, o día máis longo, serán desde as 13,00 ata as 21,00.

Pola súa banda, o domingo, a última xornada, as actividades comezarán á 13,00 e terminarán ás 20,00.

CARTEL

En Sinsal Son Estrella Galicia seguen apostando polo segredo e un ano máis volverán propoñer pistas para todos aqueles que se animen a xogar.

Polo festival, nos seus 13 anos de vida, pasaron artistas como Alt-J, Wire, Ariel Pink, Triángulo de Amor Bizarro, Jambinai, Future Islands, Low, Joanna Newsom, José González, Shellac, Half Japanese, C93, Mono, Dirty Projectors e Konono nº1, entre moitos outros. En 2015 prometen “estar á altura”.

29 de xaneiro de 2015 | 18:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.