publicidade hoxe

O DOG publica a liciatación das obras de mellora dos bombeos de Esteiro e Sabuqueiro en Boiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaBoiro
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a licitación das obras de mellora dos bombeos de Esteiro e Sabuqueiro, no concello de Boiro, co fin de renovar e optimizar o sistema de saneamento deste municipio. O Goberno galego, a través de Augas de Galicia, financia a totalidade destas actuacións, cuxo investimento ascenderá a máis de un millón de euros.

A Xunta, mediante estas actuacións, colabora co Concello de Boiro para mellorar a eficacia dos seus sistemas de depuración e optimizar o saneamento da ría de Arousa, blindando así actividades fundamentais para esta zona como o marisqueo, a pesca ou o turismo.

A rede de saneamento de Boiro está composta polos seguintes elementos principais: tanque de Chouza, bombeo de Esteiro, bombeo de Sabuqueiro e estación depuradora de augas residuais (EDAR) de Cabo da Cruz. Este sistema presenta carácter unitario, aínda que existen zonas onde o saneamento é separativo, detectándose achegas procedentes tanto de redes de pluviais como infiltracións debido ao mal estado da rede en numerosos puntos.

Segundo os estudos realizados por Augas de Galicia, os caudais reais impulsados polas bombas existentes actualmente en Esteiro e Sabuqueiro están afastados dos que teoricamente deberían bombear, o que pon de manifesto a perda de rendemento que teñen sufrido estes equipos por mor da súa antigüidade.

Por unha parte, o bombeo de Esteiro presenta un funcionamento deficiente, xa que o volume do pozo é reducido e provoca que en caso de parada das bombas en tempo de chuvia, se produza un alivio. Ademais non existe unha condución pola que se realicen de forma directa os alivios procedentes do pozo de bombeo, efectuándose por fluxo inverso mediante o colector unitario que cruza cara ao mar baixo a praia de Esteiro. Ademais, o incorrecto servizo deste sistema de alivio provoca que nos días de marea alta suban os niveis nos pozos e se levanten as tapas de saneamento.

Para solucionar estas deficiencias proxéctase un novo pozo de bombeo que substituirá o existente nas inmediacións del e contará con bombas con capacidade para impulsar 67 l/s. O pozo de bombeo disporá dunha cámara de entrada onde se situarán o pozo de grosos e dúas canles en paralelo. As bombas instalaranse nunha cámara seca, onde tamén se colocará un equipo antiariete de 2.000 l e unha bomba de desaugamento e anexa estará a cámara húmida, na cal se colocarán un axitador de hélice e unha bomba de extracción de areas.

O proxecto prevé as conexións da rede existente co novo bombeo, cun treito de unión do colector interceptor existente coa entrada do novo bombeo de 14,76 m en colector de PVC 630 mm. Ademais será preciso a execución dun novo intervalo de impulsión de 36,61 m para o enlace do novo bombeo co tramo de impulsión existente.

Por outra parte, no bombeo de Sabuqueiro, o pozo é de similares características ao de Esteiro. No que respecta ao funcionamento das bombas, detectáronse problemas de baixo rendemento, así como paradas frecuentes dos equipamentos, aínda traballando en tempo seco.

A solución dos anteriores problemas centraranse na substitución das actuais bombas, caldeirería e cesto de groso existentes. Establecerase unha configuración de bombas somerxibles capaces de impulsar 86 l/s, e limitarase o caudal máximo para impulsar en caso de funcionamento das tres bombas para non superar a capacidade de tratamento da EDAR de Cabo de Cruz. Executarase unha nova arqueta anexa ao pozo existente na que se instalarán as válvulas, e outra arqueta na entrada do bombeo.

Esta actuación tamén alberga as conexións da rede existente co novo bombeo, con dous treitos de tubaxe de PVC 630 mm que suman una lonxitude de 8,63 m e un treito 5 m de PVC 400 mm para a conexión coa rede existente dos núcleos de Cabo de Cruz.

Estas melloras, que beneficiarán aos case 20.000 veciños de Boiro, tamén se centrarán na instalación dun sistema de telexestión para o control dos tres bombeos principais da rede de Boiro (tanque de Chouza, Esteiro e Sabuqueiro), así como a obtención de datos en tempo real dos caudais circulantes.

2 de xaneiro de 2015 | 11:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.