O contrato de concesión da xestión da piscina municipal da Laracha adxudicarase a mediados de mes
A empresa Hebe Sport postúlase como nova concesionaria da xestión, limpeza, conservación, mantemento e explotación do complexo deportivo da piscina municipal da Laracha.
A Mesa de Contratación –formada por técnicos municipais e na que están representados os tres grupos políticos da Corporación-, tras comprobar que dita sociedade cumpre cos criterios administrativos e técnicos estipulados nos pregos de prescricións técnicas que rexeron o procedemento, procedeu á apertura da plica “C” referida á oferta económica, que tamén se atopa dentro dos parámetros requiridos polo Concello da Laracha.
Por tanto, a Mesa de Contratación proporá á Xunta de Goberno Local que Hebe Sport sexa a nova concesionaria e o contrato será adxudicado a mediados do mes de febreiro. Polas características e as magnitudes económicas deste procedemento, previamente se require do ditame da Comisión Informativa de Réxime Interior, Persoal, Medio Ambiente, Servizos Municipais e outros asuntos do Pleno, que con esa finalidade se reunirá a finais da próxima semana.
Como datos máis salientables, a proposta de Hebe Sport supón unha rebaixa próxima ao oito por cento no canon a aboar polo Concello da Laracha, que será de 89.000 euros anuais, o que suporá un aforro para as arcas municipais de 7.400 euros con respecto ao máximo previsto no procedemento.
En canto aos abonos e entradas diarias, as tarifas presentarán unha lixeira rebaixa con respecto aos prezos que se viñan cobrando anteriormente. Ademais, e para adaptar a oferta a cada tipo de usuario, crearanse novos abonos, como por exemplo o que permitirá usar soamente as instalacións do ximnasio.
A empresa Hebe Sport xa fora concesionaria da xestión, limpeza, conservación, mantemento e explotación do complexo deportivo da piscina municipal da Laracha entre os anos 2004 e 2010. O novo contrato de concesión terá unha duración de catro anos sen posibilidade de prórroga.











