O conselleiro delegado de Hijos de Rivera e director xeral de Estrella Galicia será o pregoeiro da Feira do Cocido

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+
Presentación da Feira do Cocido no Grove

Presentación da Feira do Cocido no Grove

Así o anunciou o alcalde de Lalín, José Crespo, na presentación da Feira, hoxe no Grove, na que tamén desvelou que a actriz galega Cristina Castaño será outra das Comendadoras que reciban a capa o 8 de febreiro Un festival de orquestras na tarde do domingo da Feira, unha das novidades desta edición Na Gala de Gastronomía do día 6 de febreiro actuarán: Rosario Flores, Antonio Orozco, Azúcar Moreno, Los Vivancos, Hugo y Yhadira, Lucía Pérez, Xosé Manuel Piñeiro, Mercedes Peón, Manuel de Andrade, Tania Fuego, o humorista Touriñán, orquestra Aché, charanga Mekánica, charanga NBA, as pandereteiras de Cercio e as lalinenses Paula Sueiro e Silvia Villanueva Crespo lanzou a idea de crear un clúster das festas gastronómicas para promocionar Galicia en conxunto, idea que recolle a directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, que se amosou disposta a colaborar O alcalde do Grove, Miguel Ángel Pérez, indicou que existen moitas similitudes entre Lalín e o Grove; Crespo entregoulle un pin institucional do Concello de Lalín en agradecemento deste acto de presentación da Feira do Cocido

O edil de Turismo, José Antonio Rodríguez Fernández, encargouse de abrir a presentación da XLVII Feira do Cocido no Grove, no Obradoiro de Hostalería da Mancomunidade do Salnés -centro da Deputación na Praia da Lanzada- destacando que “son 47 anos os que levamos promocionando a Feira do Cocido como recurso económico para a Comarca de Deza e tamén para o interior de Galicia”.

“Sen lugar, a ningunha dúbida, podemos diferenciar dúas etapas no Cocido: unha primeira de asentamento da festa no nivel galego; pero os últimos 25 anos, capitaneados polo alcalde de Lalín e coa ilusión dunha Comarca, foron os de despegue do Cocido”, dixo. “É de ben nacidos ser agradecidos e temos claro que grazas ao apoio de Turismo de Galicia e da Deputación o camiño foi moito máis doado”, resaltou.

A continuación proxectáronse dous vídeos promocionais do cocido e da Feira, sobre os que comentou que “o Cocido de Lalín é un atributo máis a todo o que acabades de ver no vídeo; a gastronomía é un complemento ideal dese turismo de experiencias”.

FESTIVAL DE ORQUESTRAS, NOVIDADE DESTE ANO

O alcalde de Lalín, José Crespo, interviu de seguido, agradecendo a presenza da directora da Axencia de Turismo de Galicia; do alcalde do Grove; do de Vilanova; de Miguel Dubois (xefe territorial da Consellería do Medio Rural), e de Pepe Solla, entre outros asistentes. “Cada ano ímoslle colgando á Feira algunha novidade -dixo-; a novidade deste ano é que o domingo do Cocido haberá pola tarde un festival de orquestras (París de Noia, Filadelfia e Sintonía de Vigo) no Lalín de Arena para dar continuidade á festa”, afirmou.

CLÚSTER DE FESTAS GASTRONÓMICAS

Por outra parte, Crespo anunciou que “estamos intentando crear un clúster das festas gastronómicas para promocionar Galicia en conxunto”. “Galicia é unha única e funciona como un todo e creo que iso merece un esforzo conxunto a partires de agora”, salientou. “Quero agradecer a Nava Castro o esforzo que está facendo para promocionar o turismo en Galicia” e destacou que ao ser coñecedora da administración local “isto permítelle interactuar connosco (cos alcaldes)”, sinalou.

IGNACIO RIVERA, PREGOEIRO

Crespo informou que o pregoeiro deste ano vai ser Ignacio Rivera Quintana, conselleiro delegado de Hijos de Rivera e director xeral de Estrella Galicia. “Este ano -destacou- quixemos facer un guiño máis ao noso mundo, a empresarios como o de Estrella Galicia que en épocas de crise está expandido a empresa -foi quen de impulsar unha importante campaña de expansión e difusión na marca nesta época de crise- e que é, sen dúbidas, un dos mellores empresarios da terra”. Explicou que a Rivera “lle deron recentemente a Medalla de Ouro en Vigo, e foi aí onde tiven o primeiro contacto con el e lle dixen que a publicidade que están a facer desde Estrella Galicia é boa porque vende toda Galicia”.

NOVA COMENDADORA

O alcalde de Lalín tamén desvelou que a actriz galega (Vilalba), Cristina Castaño, ingresará este ano na Encomenda do Cocido. Unha actriz que despois dos seus inicios na TVG está a conseguir un importante éxito a nivel nacional tanto en teatro como en televisión coa serie “La que se avecina” de Telecinco, e que se une á nomina de Comendadores que xa se deron a coñecer para esta edición: Susana Seivane, Ignacio Picatoste, Javier Echeverría, Juan Antonio Muñoz Codina e José Ramón González Juanatey.

ARTISTAS DE GALA

O rexedor lalinense tamén avanzou os artistas que actuarán na Gran Gala de Gastronomía de Galicia, que terá lugar o venres 6 desde o Lalín Arena, onde se entregarán os Premios de Gastronomía e os Premios de Xornalismo Álvaro Cunqueiro: Antonio Orozco, Rosario Flores, Azúcar Moreno, Los Vivancos -grupo novo de flamenco fus- e Hugo e Yhadira -artistas do concurso La Voz-, dentro das actuacións do panorama nacional.

Tamén contará coas actuacións de Lucía Pérez, Xosé Manuel Piñeiro, Mercedes Peón, Manuel de Andrade, Tania Fuego, orquestra Aché, charanga Mekankia, charanga NBA e o humorista Touriñán. A Gala tamén terá representación local da man de Pandereteiras de Cercio e de Paula Sueiro e Silvia Villanueva, afirmou.

“Esperemos que teñamos bo tempo -dixo-, porque para nós a Feira do Cocido é unha fonte económica importante e unha forma de vender o pobo; ao longo deste trimestre faremos unha trineta de actividades e confío en que pronto nos dean a internacionalización”.

A GASTRONOMÍA, A FERRAMENTA MÁIS POTENTE

Por último, Crespo deu as grazas tamén a “Diego López que está facendo esta clase hoxe aquí, que foi o mellor cociñeiro galego no pasado ano”. Fixo fincapé en que “é unha satisfacción que xóvenes valores aposten pola nova gastronomía, porque a ferramenta máis potente que temos para tirar do turismo de interior é a gastronomía”. “Grazas á Deputación, á Xunta e a todos os que, ano a ano, colaboran para que a Feira do Cocido vaia indo a máis”, concluíu.

O alcalde do Grove, Miguel Ángel Pérez, foi o seguinte en tomar a quenda de palabra que indicou que a Feira do Cocido “é das máis importantes de todo o territorio nacional”. Transmitiu un saúdo ao presidente da Mancomunidade do Salnés, e recordou que na sede da Mancomunidade “se fai esta presentación hoxe”; a Nava Castro, a Miguel Dubois, Cores Tourís (delegado territorial da Xunta) e ao alcalde de Lalín, José Crespo.

Defendeu que “Lalín e o Grove teñen unha serie de similitudes; á parte de que os dous son destinos importantes para comer; son moitas as coincidencias que temos estas dúas vilas e abertos a futuras colaboracións para seguir gañando camiño”. “Participamos da idea de levar todos estes eventos cara unha internacionalización” e indicou que “incluso o pregoeiro que acabas de nomear, Estrella de Galicia, son Centolo de Ouro da Festa do Marisco do Grove”.

IMPORTANCIA DA FORMACIÓN

Miguel Ángel Pérez precisou que “neste centro (Obradoiro de Hostalería da Mancomunidade do Salnés) fórmanse cada ano varios centos de cociñeiros e camareiros, o que é moi importante para favorecer persoas preparadas para os nosos establecementos”. Rematou transmitindo “o meu desexo de que a 47 edición da Feira do Cocido de Lalín sexa, como sempre, un éxito”. Ao remate da intervención de Pérez, Crespo entregou un pin institucional do Concello de Lalín ao rexedor do Grove, en agradecemento deste acto de presentación da Feira do Cocido.

A directora Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, pechou o acto resaltando a importancia que o turismo ten en Galicia (representa o 11% do PIB) e defendeu que o cocido é “un dun dos pratos máis tradicionais e suculentos de Galicia que nos prepara o corpo para o Entroido”. Recolleu a idea lanzada por Crespo e mostrouse partidaria de “traballar dunha maneira coordinada para coordinar as nosas Festas como a Feira do Cocido de Lalín, a do Marisco do Grove, a do Albariño de Cambados, e a do Pulpo O Carballiño, a ver se podemos presentar algo novo neste sentido o ano que vén”.

COIDAR A CALIDADE

“Esta combinación entre o Cocido de Lalín e o Marisco do Grove falan moi ben desa colaboración en Galicia dos nosos recursos”, precisou. “Imos seguir a promocionando todas estas Festas de Interese Turístico Internacional, as Festas de Interese Turístico Nacional e as que están intentando conseguir de declaración de interese turístico autonómico”, dixo. Para iso “temos que ser estritos, coidando a calidade”. “Póñome a vosa disposición (alcalde de Lalin e do Grove) para esa colaboración na promoción conxunta”, indicou.

RECURSOS PARA TODOS OS GUSTOS

“Temos recursos para todos os gustos en Galicia, un sinfín de cousas que ofrecer e seguir presumindo de Galicia; acabamos de conseguir os mellores datos de turistas en Galicia” que precisou que deixan 890 millóns de euros ao ano en Galicia.

ASISTENTES

Na presentación participaron o alcalde de Vilanova e presidente da Mancomunidade do Salnés, Gonzalo Durán; Miguel Dubois, xefe territorial de Medio Rural; e os comendadores Pepe Solla e Argentino Aguiar Boullosa; a tenente de alcalde do Grove, o presidente de Amegrove, ademais de representantes sector hostalería, entre outros.

MASTERCLASS E DEGUSTACIÓN DE COCIDO

Previamente ao comezo da rolda de prensa de presentación, o cociñeiro lalinense Diego López impartiu unha masterclass aos alumnos do centro da Mancomunidade sobre a preparación dun Cocido de Lalín. As autoridades presentes visitaron a cociña e departiron con Diego López e cos alumnos.

Ao remate da presentación, houbo dúas demostracións de tapas de mexillóns preparadas con Aceites Abril e vermú Petroni, e de seguido unha degustación de Cocido de Lalín preparado por Diego López de “La Molinera”, co patrocinio de marcas como Embutidos Lalinense, Aceites Abril, vermú Petroni ou D.O. Monterrei.

27 de xaneiro de 2015 | 02:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.