O Conselleiro de Educación visita a ampliación do CEIP Emilia Pardo Bazán no que se investiron dous millóns de euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal Portada
A-
A+
Xesús Vázquez na visita ao centro

Xesús Vázquez na visita ao centro

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou hoxe o CEIP Emilia Pardo Bazán, onde xa están a piques de rematar as obras de ampliación deste centro e que veñen a completar as actuacións realizadas pola Xunta neste colexio desde 2010 ata sumar un investimento de máis de 2 millóns de euros.

Vázquez Abad, que esta mesma mañá tamén visitou o CEIP de Sada y sus Contornos, aproveitou a súa presenza neste centro escolar para destacar o compromiso do seu departamento coa cidade herculina e a seu entorno no que ao eido educativo se refire. De feito o conselleiro subliñou que o seu departamento está a investir máis de 17,1 millóns de euros en novas infraestruturas educativas na área de influencia da Coruña.

No que atinxe ao CEIP Emilia Pardo Bazán, que acolle a 650 alumnos e alumnas de infantil e primaria, cómpre salientar que, ademais da reforma agora concluída, a Consellería xa asumiu o peche da pista polideportiva, a instalación dun ascensor así como, entre outras, melloras no sistema eléctrico e na calefacción deste CEIP e implantación de programas educativos novidosos no mesmo.

Durante a súa visita o conselleiro estivo acompañado polo alcalde da Coruña, Carlos Negreira; polo secretario xeral técnico da Consellería, Jesús Oitavén; a delegada da Xunta na provincia, Belén do Campo, e o xefe territorial de Educación, Indalecio Cabana.

O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia amosou a súa satisfacción polas obras realizadas neste centro que, segundo dixo, cobran máis importancia se cabe “no actual contexto económico”. Non obstante, ademais das infraestruturas, o conselleiro puxo en valor os programas educativos cos que conta o centro, que dispón de 6 aulas Abalar cun investimento duns 80.600 euros e 148 netbooks repartidos.

Estrutura e distribución do novo edificio

Trala obra, o CEIP Emilia Pardo Bazán conta cun novo edificio de 1.500 metros cadrados, independente das dúas edificacións que existen agora e adaptado á orografía do terreo.

Esta nova infraestrutura divídese en dúas plantas. A primeira estará destinada a docencia e que acollerá 9 aulas de infantil totalmente novas cos seus respectivos aseos e con capacidade para 225 alumnos e alumnas, dúas unidades de apoio educativo, unha área de coordinación e orientación, unha sala de profesores, e unha nova zona de administración e servizos comúns. Na planta baixa ubicarase o comedor —que tamén dará servizo aos alumnos de primaria— así como un local de servizos múltiples e outro local para a ANPA.

Así mesmo, dada a contorna do centro, tamén dispón dun soportal de acollida no seu acceso, pensado para facilitar a traída e recollida dos alumnos polos seus acompañantes.

5 de xaneiro de 2015 | 14:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.