O Concello informa dun corte de televisión que afectará ás parroquias de Cervo, Rúa e San Román

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCervo
A-
A+

O Concello de Cervo informa de que mañá mércores 28 de xaneiro, entre as 10 e as 14 h., producirase un corte na emisión de televisión que afectará ás parroquias de Cervo, Rúa e San Román e, en concreto, a aqueles núcleos e fogares que reciban o sinal de TDT do repetidor de Monte Buio.

O motivo deste corte é técnico, co obxectivo de facer un reaxuste nese centro emisor que permita aos veciños seguir vendo as canles de TDT tal e como o viñan facendo ata o de agora. Ao remate dos traballos, os veciños terán que facer unha busca das novas canles, volvendo a sintonizar os seus televisores para ver a programación con normalidade.

Ademais, nos casos dos edificios con antena colectiva, pode ser necesario tamén unha adaptación para asegurar a calidade da recepción. Así, as comunidades de veciños deberán contactar cun instalador autorizado se detectan problemas. Para estes casos nos que se requira o apoio dun técnico especializado, o Goberno do Estado ten aberta unha liña de axudas para subvencionar os gastos causados.  

Uns traballos que se levan a cabo para cumprir co mandato da Unión Europea de reordenar as frecuencias das canles de TDT e deixar espazo para a tecnoloxía móbil 4G, o que se veu a chamar liberación do Dividendo Dixital. Un proceso no que se apagarán as frecuencias de emisión actuais e se acenderán as novas frecuencias asignadas.

Ao mesmo tempo, o Concello informa de que aqueles veciños que precisen máis información poden contactar co persoal municipal, da mesma maneira que se queren dar conta dalgunha incidencia neste proceso.

27 de xaneiro de 2015 | 18:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.