O Concello distribúe entre comerciantes, hostaleiros e placeiros de Ferrol 120.000 unidades de bolsas e vasos con imaxes da cidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal Portada
A-
A+
Presentación da campaña de promoción

Presentación da campaña de promoción

O concelleiro de Economía e Facenda do Concello de Ferrol, Alejandro Langtry Caínzos, presentou esta mañá o material da nova campaña de promoción do comercio, a hostalería e os mercados da cidade, acompañado de diferentes representantes de entidades destes sectores. Esta primeira tirada está composta dun total de 120.000 unidades de bolsas e vasos térmicos que se porán a partir do vindeiro luns, día 12, a disposición de hostaleiros e comerciantes en diferentes puntos da cidade para a promoción da imaxe de Ferrol así como a dinamización destes sectores. Neste senso, o edil de Economía sinalou que “o que se pretende é que, coa axuda e colaboración de todos e aproveitando as sinerxías entre a Administración municipal, a hostalería, o comercio e o turismo, seguir apostando por Ferrol como cidade de destino de comercio, ocio, hostalería e turismo como cabeceira de comarca que é”.

No que atinxe aos puntos de recollida do material, os vasos para os establecementos de hostalería se poden recoller na sede da Asociación de Empresarios de Hostalería de Ferrol e Comarca, así como nos locais das agrupacións de comerciantes e hostaleiros de Esteiro e Catabois. Así mesmo, as bolsas comerciais se retirarán no local da Asociación de Comerciantes de Ferrol – Centro Comercial Aberto A Magdalena e Confederación de Empresarios de Ferrolterra (COFER); mentres que as bolsas para os mercados serán distribuídas polo Concello de Ferrol. O material promocional está integrado por 20.000 bolsas de papel destinadas aos comercios ferroláns con catro deseños diferentes de imaxes da Ruta da Construción Naval ou das Rutas de “Descubre Ferrol” -Ilustración, Modernista, Praias e Castelos e Miradoiros-. Ademais, esta primeira tirada inclúe 50.000 unidades de vasos térmicos para a hostalería e outras 50.000 bolsas de plástico para mercados cunha imaxe xenérica da cidade. O concelleiro de Economía destacou que “esta proposta pretende promocionar, apoiar e dinamizar o comercio e a hostalería de Ferrol; contribuír á revitalización das zonas comerciais e hostaleriras por excelencia da cidade; e promocionar e reforzar a idea de cidade xerando sinerxias entre o turismo e estes importantes sectores”.

Langtry Caínzos sinalou que para dar continuidade e consolidar esta proposta, a Administración local ten reservada outra partida económica de 20.000 euros a unha liña específica de axuda para entidades que permitirá a promoción da cidade a través da cofinanciación da elaboración de novas bolsas comerciais, bolsas especiais para os mercados municipais e vasos térmicos, no caso da hostalería.

Actividades de dinamización

Ademais, este programa de axudas para o presente ano inclúe outra liña dirixida á dinamización das rúas mediante actividades organizadas polos propios hostaleiros e comerciantes. Todas estas liñas de subvención –promocional, de dinamización e unha terceira de ambientación comercial durante a campaña de Nadal- suman 120.000 euros.

Pola súa banda e en representación dos comerciantes e hostaleiros que participaron no acto, o presidente da Asociación de Comerciantes Novo-Ferrol, Francisco Fajardo, resaltou que esta edición de bolsas e vasos para o comercio, a hostalería e os mercados da cidade “é unha petición das diferentes entidades plasmadas nestas achegas que nesta convocatoria son máis ambiciosas con novidosas actividades”. Así mesmo, Francisco Fajardo sinalou que “a partir de agora tócanos a nós seguir con esta proposta a través das axudas para dinamizar e atraer visitantes á nosa cidade”. Ademais, considerou que a iniciativa repercutirá positivamente no comercio local e agradeceu ao Concello de Ferrol o seu apoio.

9 de xaneiro de 2015 | 18:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.