O Concello de Vilagarcía programa obras a realizar en Vilaxoán por importe de 100.000 euros
O alcalde, Tomás Fole, recibiu esta tarde no Concello aos representante da asociación de Veciños de Vilaxoán en resposta á solicitude realizada polo colectivo. O rexedor aproveitou o encontro para repasar o listado de actuacións realizadas polo Concello en Vilaxoán no que vai de mandato, así como das xestións realizadas ante outras administracións para acadar diversas melloras. O dirixente popular tamén anunciou os veciños as obras que se realizarán nos vindeiros meses con cargo aos Orzamentos Municipais de 2015 e tomou nota das súas peticións a efectos de estudar a súa incorporación a diversos programas aos que opta o Concello.
As obras de carácter máis inmediato a levar a cabo en Vilaxoán son as que o goberno local incluíu no Orzamento de 2015 en vigor e que xa contan con dotación presupostaria propia. Trátase de catro actuación que suman preto de 100.000 euros de investimento.
O proxecto máis cuantioso, dotado con 70.000 euros, é o que se desenvolverá para a mellora do firme da Rúa Benigno Santos e a dotación de saneamento ás vivendas da súa travesía
Tamén se executará este ano a rehabilitación da Fonte da Praza Rafael Pazos co obxectivo de eliminar as perdas de auga e mellorar a súa accesibilidade prolongando os caños. O proxecto desta actuación xa foi realizado pola Oficina Municipal de Rehabilitación tal como se comprometera a concelleira Ana Granja hai uns meses nunha reunión cos veciños. A esta obra destínanse 17.000 euros.
E para continuar avanzando na mellora dos servizos e accesibilidade da Praia do Preguntoiro, co obxecto de conservar a Bandeira Azul, tamén se prevé unha partida de 6.000 euros para instalar unha pasarela de madeira.
Tamén froito do compromiso mantido polos concelleiros reunidos hai un tempo cos veciños das Gaviotas, reserváronse 5.000 euros para complementar as melloras xa realizadas. Estes cartos terán como finalidade colocar canastras e portería novas nas pistas deportivas.
Fole Díaz tamén escoitou e tomou nota as demandas dos veciños a efectos de estudar a posibilidade de ir realizándoas aos longo do ano con fondos municipais ou de incluílas nalgúns dos programas e plans de outras administracións ás que opta o Concello.
Co listado de obras a realizar proximamente e co compromiso de estudar as novas peticións o alcalde demostrou aos representantes da Asociación de Veciños que Vilaxoán está moi presente nos plans do goberno local e que a atención prestada durante o mandato por parte dos concelleiros así o demostran. Fole lembroulles as reunións mantidas ao longo deste tempo entre diversos representantes do colectivo e os concelleiros Ana Granja, Jesús Longa, Sandra García e Manuel Méndez, Cholo Dorgambide e Elena Suárez, a efectos de escoitar as peticións e necesidades dos vilaxoaneses en diversos ámbitos e de atender todo o posible. O rexedor aportou un longo listado de actuacións realizadas ou xestionadas polo Concello como resultado dos encontros cos concelleiros delegados.











