O Concello de Vilagarcía pretende acollerse ao novo plan provincial e continuar creando emprego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

A loita contra o paro segue sendo unha das principais preocupacións do goberno de Vilagarcía que, no marco das diversas liñas de creación de emprego que desenvolve, vén de solicitar a adhesión do Concello a un novo plan provincial que permitiría a contratación de 34 traballadores no paro. O proxecto ten un custe de 163.000 euros para o cal o Concello xa solicitou á Deputación unha subvención de 142.000 euros con cargo ao Plan de Conservación e Funcionamento de bens e servizos municipais 2015. A concesión de subvencións resolverase en primavera.

A proposta elaborada pola Concellería de Formación e Emprego propón a contratación a tempo parcial e por un período de 6 meses de 34 traballadores que se encargarían de realizar diversos traballos de interese xeral para o Concello. As áreas para as que se demandan estes traballadores son Conservación, rehabilitación e acondicionamento de infraestruturas, instalacións municipais e mobiliario urbano; Limpeza e mellora de praias e zonas medioambientais, Atención a cemiterios municipais e Mantemento de instalacións municipais.

Favorecer a formación e práctica laboral

A convocatoria tamén establece que, mediante este plan, o Concello non se limitará a contratar aos traballadores para a realización das funcións sinaladas, senón que ademais, a súa execución debe favorecer a formación e práctica laboral, de xeito que rematados os 6 meses, os beneficiarios teñan mellorado as súas condicións de empregabilidade para poder acceder con maior facilidade ao mercado laboral.

Segundo as bases do propio plan provincial os traballadores que desexen optar a estas contratacións deberán atoparse en situación de desemprego, estar inscritos nas listas do Servizo Público de Emprego de Galicia como “demandantes non ocupados e dispoñibles para o emprego” e non estar percibindo prestacións como o RISGA, RAI ou PREPARA.

Criterios para garantir axuda aos máis apurados

Para seleccionar ás 34 persoas a contratar seguiranse uns criterios que recollen as propias bases e que teñen como obxectivo facilitar que accedan aos mesmos as persoas en situacións máis complicadas e que que haia unha rotación entre os beneficiarios. Así, terán preferencia os candidatos que leven inscritos como demandantes de emprego máis dun ano, os que non foran contratados polo Concello no ano 2014 e no que vai de 2015. Tamén terán preferencia os candidatos con nivel de renda máis baixa e aqueles que teñan cargas familiares.

Aviso

Para evitar a fluxo de persoas solicitando información no Concello, a Concellería de Formación e Emprego insiste en que o plan non se porá en marcha ata que se dispoña da axuda, e que xa se dará debida conta diso no seu momento e coa antelación suficiente. O único que poden facer por agora os interesados é comprobar e actualizar os seus datos na Oficina de Emprego, a efectos de que estea todo el orde cando se realice a oferta.

20 de xaneiro de 2015 | 12:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.