O Concello de Vilagarcía insta a Lantero a reabrir a negociación co comité
A comisión municipal creada para dar cumprimento ao acordo plenario en relación ao conflito de Lantero reuniuse esta mañá por vez primeira. Despois de que a Corporación decidira por unanimidade tumbar o convenio urbanístico dos terreos da cartoneira na Compostela, na xuntanza acordouse instar á empresa a retomar a negociación “lexítima e de boa fe” coa parte social a efectos de que se chegue a un acordo válido para ambas partes. O único grupo que non se sumou á proposta de negociación foi EU.
O alcalde presidiu a comisión na que participaron os voceiros dos catro grupos (PP. PSOE, BNG e Ramón Bueno por EU), así como o Arquitecto Municipal, o asesor xurídico da xerencia de Urbanismo e a Secretaria Xeral do Concello. O presidente do Comité de Empresa, Jesús López, que tamén forma parte da comisión, contactou a primeira hora da mañá co alcalde para escusar a súa ausencia por prolongarse unhas negociacións iniciadas onte.
O alcalde, Tomás Fole, lamentou profundamente ao remate do encontro, que se prolongou durante 3 horas, que a unanimidade acadada no Pleno da semana pasada en relación ao conflito Laboral de Lantero, a rompese hoxe, precisamente o grupo que promoveu a moción: Esquerda Unida. O rexedor explicou que “mentres que PP, PSOE e BNG mostráronse de acordo en seguir a vía da mediación, EU só persegue a confrontación”. Segundo comentou o alcalde, a única proposta de Ramón Bueno era xudicializar o tema do convenio urbanístico denunciándoo ante o Ministerio Fiscal.
Tres dos catro grupos da Corporación consideramos máis positivo para os traballadores de Lantero e tamén para o conxunto de Vilagarcía, tratar por todos os medios de que o conflito laboral se resolva cun acordo entre as partes, tal como establece a moción aprobada polo Pleno.
O texto presentado por EU recollía como primeiro acordo que a Corporación “instase á dirección da empresa a emprender o camiño da negociación lexítima e de boa fe, e retire as denunciais e despidos presentados.
O acordo plenario remitiuse ao día seguinte á celebración do Pleno á Lantero, pero, a maiores, a comisión acordou hoxe que o rexedor, como presidente da Corporación municipal, poríase en contacto coa dirección para expoñerlles a situación na que se atopa actualmente a firma tras o acordo do Pleno tumbando o convenio urbanístico e para instarlles a volver a sentarse co comité para acadar un acordo que supoña unha “saída digna para a plantilla e o conxunto da empresa”, segundo reza o segundo acordo aprobado polo Pleno,
Viabilidade legal, xurídica e económica
Para avanzar no cumprimento do terceiro punto da moción, o relativo a iniciar o proceso legal oportuno para que non se recalifiquen os terreos de Lantero na Compostela tal e como se recollía no convenio subscrito en 2005, PP, PSOE e BNG acordaron que os técnicos estuden legal e xurídicamente as alternativas existentes na actual situación e as consecuencias e repercusións de cada unha delas.
As posibilidades que se manexan son deixar os usos actuais (solo industrial/comercial), limitalos a solo industrial, ou cambiar a cualificación a solo para equipamentos.
O primeiro caso abriría a posibilidade a que o Concello se vira na obriga legal de tramitar toda solicitude para de proxecto comercial ou para a implantación de calquera industria. Isto último acontecería tamén na segunda opción.
Elevado custe para as arcas municipais
A terceira permitirá utilizar a zona para equipamentos públicos de diverso tipo, para o cal se podería recorrer á vía expropiatoria, de compensación ou cooperación. Os técnicos explicaron que ningunha das alternativas sairía de balde para o Concello que, en maior ou menor medida, tería que compensar á propiedade dos terreos, é dicir, a Lantero; ben economicamente ou mediante aproveitamento do chan nos mesmos terreos ou en outros.











