O Concello de Lalín xa leva aprobadas 153 comunicacións previas
Román Rodríguez destaca que 34 Comunicacións Previas correspóndense con novas actividades, 24 con cambios de titularidade e 95 con comunicacións previas de obras menores e remarca que estas cifras son síntoma do dinamismo e da reactivación económica que pouco a pouco se está deixando notar Tamén fai fincapé na redución notoria dos prazos, coa conseguinte axilidade na tramitación, ademais do aforro de custos en tempo e en cartos, que está a posibilitar a implantación da Comunicación Previa Remarca que tamén se lle ofrece aos veciños á posibilidade, para expedientes en curso de tramitación, de acollerse a esta nova normativa, gañando en rapidez. Ata o momento xa 10 cidadáns a aceptaron, cando se lle propuxo de oficio
Desde a aprobación da Lei 9/2013, de 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, que instaura a Comunicación Previa como figura principal de intervención administrativa tanto no que respecta a obras como a actividades, o departamento de Urbanismo do Concello de Lalín adaptouse á dita normativa desde o día da súa entrada en vigor, a finais do mes de decembro. Deste xeito a Concellería de Urbanismo elaborou modelos de Comunicación Previa “voluntarios” que colgou na páxina web do Concello xa no mes de xaneiro.
O modelo de traballo instaurado alcanza cifras que reflicten o bo acollemento por parte da veciñanza, unhas cifras que se sitúan nunha media de tres comunicacións previas por semana desde a súa entrada en vigor o 28 de decembro de 2013 e que supón unha redución notoria dos prazos e unha maior axilidade na tramitación, ademais de lle permitir aos nosos veciños un aforro tanto en tempo como en cartos, explica o edil de Urbanismo Román Rodríguez.
O responsable municipal salienta que “ata a data actual se levan concedidas un total de 153 Comunicacións Previas, das que 34 se corresponden con Comunicacións Previas de novas actividades, 24 Comunicacións Previas de cambio de titularidade e 95 con Comunicacións Previas de obras menores”.
“Estes datos son positivos e síntoma de dinamismo e da reactivación económica que pouco a pouco se está deixando notar, a través tanto da posta en marcha de novos negocios, como no cambio de titularidade dalgúns como na realización de pequenas obras”, indica Rodríguez.
DESGLOSE POR ACTIVIDADES
Das 34 Comunicacións Previas de novas actividades o maior número (7) correspóndense con apertura de oficinas varias así como con establecementos de confección e comercio de prendas de vestir (5). Protésico dental (2) e comercio instalacións eléctrico (2) son as seguintes actividades con maior número de Comunicacións.
No que respecta ás Comunicacións Previa con cambio de titularidade, do total de 24 aprobadas ata o momento, o maior número correspóndense con bares (14) e 2 con tendas de segunda man.
As 95 obras menores que foron tramitadas polo procedemento de Comunicación Previa o maior número teñen que ver coa conservación de fachadas (30), coa realización de peches (29) e co retellamento de edificios (11).
IMPORTANTE TRABALLO PARA ADAPTARSE Á LEI DO EMPRENDEMENTO
Román Rodríguez destacou o importante traballo desenvolto polos técnicos do departamento de urbanismo para adaptarse á Lei do emprendemento desde a súa entrada en vigor. Así, ademais de poñer en marcha a figura da Comunicación Previa tanto para obras como para actividades, en febreiro de 2014 desenvolveu no Concello de Lalín unha reunión informativa cos estudos técnicos de Lalín para explicarlles as novidades máis relevantes da nova Lei e os devanditos modelos voluntarios.
Así mesmo informouse da adaptación á administración electrónica neste aspecto, informando que se lles entregaría aos interesados toda a documentación dos expedientes en formato electrónico nun pendrive, dentro do proxecto E+D (Expediente Dixital).
Posteriormente foron mellorados os modelos, sendo aprobados os definitivos na Xunta de Goberno Local do 31 de marzo de 2014, pasando deste xeito a seren oficiais.
APLICACIÓN DA NORMATIVA AOS EXPEDIENTES EN CURSO
O concelleiro de Urbanismo tamén remarca que “o Concello tamén foi pioneiro en aplicar a disposición transitoria primeira da dita Lei, que dá a opción aos administrados de acollerse a nova normativa, desistindo da anterior, nos expedientes en curso de tramitación, gañando en rapidez na tramitación e en aforro de custes os veciños”. Esta opción foi aceptada, segundo indican os técnicos de Urbanismo, por todos os interesados aos que se lle propuxo de oficio, un total de 10.
“Deste xeito expedientes complexos, sobre todo actividades suxeitas a incidencia ambiental, que levaban moito tempo en tramitación foron solventados nun breve prazo, con satisfacción para os cidadáns”, remarca Román Rodríguez.











