O Concello de Ferrol reduce o período medio de pago ao situalo en 52 días
O concelleiro de Economía, Facenda e Recursos Humanos do Concello de Ferrol, Alejandro Langtry Caínzos, deu conta hoxe en comisión informativa da Área dos informes de morosidade correspondentes ao 4º trimestre do exercicio de 2014. Uns documentos dos que volverá a dar conta no pleno ordinario de fin de mes que terá lugar pasadomañá, xoves 29 de xaneiro.
Langtry Cainzos destacou que estes informes poñen de manifesto que o período medio de pago da Administración local continúa reducíndose, situándose en 52 días -dende a entrada da factura en rexistro- no 4º trimestre de 2014. Así mesmo e como consecuencia desta reducción do prazo de pago, o número de facturas pagadas en menos de 60 días veuse incrementado ata o 78%. En canto ás facturas pendentes de pago ao peche do pasado exercicio, a data de 22 de xaneiro están xa pagadas o 88% delas.
O edil Alejandro Langtry resaltou que “Ferrol está entre as primeiras cidades galegas en período de pago”. Neste senso, o Goberno Municipal de Jose Manuel Rey reduciu no que levamos de mandato en máis de 100 días o período medio de pago, pasando dos 164 días en 2012 aos 52 días rexistrado no 4º trimestre do exercicio de 2014.











