O Concello de Fene mellorará os camiños de Almieiras e do Campanario, en Limodre, co aglomerado de ambas vías
O alcalde de Fene, Gumersindo Galego, informou esta mañá de que o Concello executará no primeiro trimestre de ano as obras de aglomerado dos camiños de Almieiras e do Campanario, ambos ubicados na parroquia de Limodre. A Xunta de Goberno Local, na súa última reunión do ano celebrada o 29 de decembro, aprobaba a adxudicación dos traballos, que permitirán o acondicionamento integral dunhas vías hoxe en día moi deterioradas polo uso. No caso do camiño de Almieiras, a intervención está orzamentada en 84.754 euros e, no do Campanario, en 38.762 euros. En suma, 123.516 euros que cofinanciarán a Deputación provincial da Coruña (o 80%) e o Concello (o 20% restante). Neste caso, a achega provincial procede dunha subvención nominativa concedida pola institución. Segundo as estimacións do rexidor, as obras, que contan cun prazo de execución de mes e medio, estarán concluídas no primeiro trimestre de ano. De entrada, e tras a adxudicación, ábrese un prazo administrativo para presentar alegacións ao proceso e para que a empresa presente a documentación pertinente.
Así mesmo, Gumersindo Galego apuntou que, previamente a estes traballos, o Concello está pendente de que Viaqua –como firma concesionaria do servizo de augas- leve a cabo a realización das acometidas das vivendas ubicadas no Camiño de Almieiras á nova rede de abastecemento construida neste mandato na parroquia de Limodre. Cabe lembrar que no pasado mandato, con goberno do PSOE, executouse unha rede de abastecemento na zona que non cumplía coa normativa vixente. Aínda así, os veciños pagaron as acometidas á citada rede. No actual mandato, e para remediar unha intervención mal feita, o Concello construía unha nova rede que, agora si, conta con todas as garantías. Neste contexto, o alcalde considera que os veciños non poden pagar os erros da Administración e volver a costear as acometidas que precisan á nova rede, polo que será o Concello quen asuma o gasto.
Así, unha vez se realicen, o Concello estará en condicións de iniciar o aglomerado do vial.











