O Concello de Coristanco renova a canalización de augas pluviais en Pazo da Trabe

Traballos de canalización
O Concello de Coristanco está a renovar por completo a canalización das augas pluviais no lugar do Pazo da Trabe, na parroquia de Cuns, onde as intensas chuvias dos últimos días provocaran a rotura dos tubos. Aínda que todos os veciños sufriron as consecuencias, dúas familias resultaron especialmente afectadas ao entrar a auga nas súas vivendas, polo que o goberno municipal actuou coa máxima urxencia para solucionar o problema.
Os operarios están a repoñer toda a canalización, o que supón máis de 150 metros lineais. O Concello de Coristanco aproveita a actuación para substituír os vellos tubos de formigón por pvc, e ademais son de maior diámetro. Deste xeito evitaranse os atascos que se viñan producindo.