publicidade hoxe

O Concello de Cervo colabora con todas as asociacións e clubs deportivos do municipio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCervo
A-
A+

O Concello de Cervo concedeu unha axuda de 1.000 euros ao Club Medela MTB para colaborar con el na súa labor de dinamización do ciclismo e de posta en marcha de actividades. O edil de Deportes, Luis Guillén, entregou o cheque ao presidente da entidade, David Riera. Unha subvención que non é a única colaboración que recibe este club, co que o Concello contribúe ademais con medios propios, materiais e humanos, nos diferentes eventos que organiza ao longo do ano como é o caso da Ruta Medela MTB.

O edil de Deportes lembra tamén as constantes colaboracións con todos os clubs e asociacións deportivas do municipio, ás que o Concello apoia a través de diferentes vías. “Toda entidade que nos solicita apoio atopa a nosa boa disposición a colaborar, tanto na actividade diaria como en eventos especiais”, asegura Guillén. Tamén cabe destacar que o Concello favorece a celebración de campionatos deportivos contribuíndo coas federacións das diferentes disciplinas.

Sen esquecer o importante esforzo inversor no mantemento e mellora das diferentes instalacións deportivas, como é o caso do campo de fútbol da Veiga, que está sendo reformado e reconvertido nun terreo de herba artificial. Unha obra que ten un custo de 380.000 euros que financia ao 100% o Concello con fondos propios. Outras das obras importantes feitas recentemente foron a mellora da piscina de Lieiro (27.100 euros) ou a ampliación do ximnasio (9.000 euros). Ao mesmo tempo, o goberno local acomete tarefas de mantemento en diferentes edificios e dotacións deportivas, ademais dos xa mencionados, como o pavillón da Veiga, a pista de pádel, o campo de fútbol 7 de Río Covo ou as pistas de tenis.

O Concello tamén aposta polo deporte de forma directa, a través das Escolas Deportivas, que inclúen 13 actividades para nenos, mozos e adultos, e unha bonificación nas taxas do 50%, ou os cursos da piscina, coa Escola Municipal de Natación.

8 de xaneiro de 2015 | 17:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.