O Concello de Carballo solicítalle á Deputación a colocación de tres pasos de peóns elevados na estrada de Razo
O Concello de Carballo vén de remitirlle á Deputación da Coruña un escrito no que lle solicita a instalación de varios pasos de peóns elevados na estrada CP-1902 entre Carballo e Razo ao seu paso pola parroquia de Oza, en concreto, nos lugares de As Encrucilladas e As Torres, co obxectivo de reducir a alta siniestralidade viaria que se produce nese tramo. A administración local explica na súa petición que nos últimos anos téñense producido nesa mesma estrada numerosos accidentes de tráfico, nomeadamente nos treitos situados nos lugares mencionados, polo que a veciñanza ten solicitado “de xeito reiterado” que se tomen medidas para “mellorar a seguridade viaria nun ámbito polo que circulan moitas persoas e no que está situado o Local social parroquial”.
O Concello lembra tamén no seu escrito que neste treito da estrada de Razo se reproduce unha problemática similar á que no seu momento existía noutra estrada de titularidade provincial, a CP-1909 entre Carballo e Caión, á altura dos lugares de Guilfonxe, Requeixo e O Campo, na parroquia de Bértoa. A administración local sinala que, na actualidade, logo da colocación dos pasos de peóns elevados nese ámbito “non se producen practicamente accidentes de tráfico no treito da súa influencia”. Por tanto, espera que, coa instalación de pasos de peóns similares na estrada entre Carballo e Razo se conseguiría que “moitos dos vehículos que circulan por ela o fagan a velocidades máis adecuadas, evitando situacións de inseguridade viaria”.











