O Concello de Carballo conta con 31.404 habitantes e mantén o seu crecemento vexetativo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballoLocal Portada
A-
A+

O Barómetro Municipal que presenta cada ano o Concello de Carballo indica que, cos datos actualizados a 1 de xaneiro de 2015, o municipio conta cun total de 31.404 habitantes, 41 máis que a finais de 2013; e que o seu crecemento vexetativo é cero, sen chegar a cifras en negativo, ao terse rexistrado o pasado exercicio o mesmo número de nacementos que de defucións, 264. Hai que subliñar o incremento no número de nacementos respecto de 2013, en que se rexistraron 192 fronte aos 264 do ano pasado. Tamén hai que mencionar que o Padrón Municipal realizou máis de 4.000 xestións ao longo do ano, tramitando altas e baixas, cambios de domicilio (1.017), correccións de datos (3.071) e outro tipo de xestións. Outro indicador que reflicte o barómetro é a nacionalidade dos habitantes estranxeiros. Unha vez máis, unha das comunidades con máis presenza é a dos uruguaios, aínda que segue descendendo o seu número no municipio, pasando de 269 en 2005 aos 69 que están rexistrados agora.

A comunidade máis numerosa é a de Romanía, con 78; e entre as máis numerosas tamén están as de Portugal, Brasil, Italia ou Colombia. O barómetro tamén amosa os niveis de estudos da poboación do municipio. Carballo conta cun total de 2.373 licenciados universitarios, mais tamén rexistra 13.968 persoas que non remataron os estudos primarios. O nivel de analfabetismo ascende a 441 persoas que non leen nin escriben, ou o fan con dificultades. A ampla maioría deste colectivo, 280 do total, teñen unha idade comprendida entre os 65 e os 99 anos. Outro dato digno de mención é o do número de vivendas habitadas, un total de 11.754, das que a maioría -6.059- están ocupadas por dúas ou tres persoas, O Barómetro recolle, así mesmo, os datos referidos á actividade administrativa municipal. As cifras reflicten que en 2014 se recolleron un total de 16.815 documentos no Rexistro de Entrada e se despacharon 6.802 no Rexistro de Saída, cun total de 23.617 trámites. Hai que mencionar que a través da Xanela da Xunta se rexistraron 5.566 documentos.

O Alcalde, Evencio Ferrero, menciona que a crise tamén se deixa sentir neste tipo de datos, cun notable descenso no Rexistro de Saída no número de licenzas concedidas, que por primeira vez na serie histórica non chegan ao millar. Porén, incrementouse o número de facturas, cun total de 5.373 e 745 máis que en 2013. Evencio Ferrero subliña que o barómetro supón “unha radiografía da vida municipal” e que, a pesar de que algúns índices descenderon, a maioría amosan que “Carballo é un concello con moita actividade”.

29 de xaneiro de 2015 | 18:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.