O Concello de A Lama investirá 23.000 euros na mellora do campo da festa de Covelo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LamaPontevedra
A-
A+
Cores Tourís en A Lama

Cores Tourís en A Lama

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o concello de A Lama para analizar co alcalde da localidade, Jorge Canda, a nova subvención da Consellería de Medio Ambiente que permitirá continuar coa mellora e acondicionamento do campo da festa da parroquia de Covelo.

Na visita estiveron acompañados polo xefe territorial de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, José Luis Díez.

Deste xeito, Cores Tourís asegurou que o municipio executará obras de mellora neste camiño, para o que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas aportará unha axuda global de 18.800 euros, dentro das axudas destinadas a concellos da Rede Natura. O concello de A Lama achegará o 21% correspondente ao IVE da obra, co que o investimento global roldará os 22.800 euros.

O delegado territorial destacou que estas subvencións veñen a ratificar “o compromiso do Goberno galego coa conservación, coa protección e coa mellora dos parques naturais en Galicia e, en concreto, na provincia de Pontevedra, unha das que conta con maior número de concellos acollidos a estas axudas, en concreto 30, investiranse case 676.000 euros en diversos proxectos se temos en conta non só a axuda destinada pola Xunta de Galicia para estes municipios senón tamén o IVE que eles asumen”.

Segundo explicou, estas subvencións destináronse a tarefas de mellora da paisaxe, como a limpeza, restauración e sinalización de camiños e espazos recreativos; a manter as condicións ambientais e favorecer a recuperación de especies en zonas de Rede Natura 2000; e a recuperar ou restaurar elementos históricos patrimoniais, como hórreos, milladoiros, fontes, cabanas ou valos.

“O obxectivo da Consellería de Medio Ambiente é dar resposta a estes obxectivos fomentando e aumentando o papel dos concellos á hora de levar a cabo este tipo de accións, na súa calidade de entidades xestoras de terras”, engadiu Cores Tourís, quen matizou que “estas actuacións están dirixidas a contribuír a biodiversidade e á preservación dos ecosistemas de alto valor natural garantindo a compatibilidade cos valores naturais que cómpre protexer en cada zona e o mantemento dun estado de conservación favorable para os hábitats e as especies de interese de cada espazo dentro da Rede Natura 2000 de Galicia”.

Cores Tourís destacou que desde a Administración autonómica continuarase a perseverar no coidado da natureza. “Queremos aproveitar o atractivo económico e turístico que hai detrás da conservación da natureza. Esta é a nosa meta, ordenar e mellorar o noso entorno”.

En relación ao proxecto que está a realizar o concello de A Lama, o alcalde matizou que o obxectivo dos traballos serán labores de acondicionamento do campo das festas de Covelo, co obxectivo de poñer en valor e mellorar todo o seu entorno, instalando mobiliario, reformando o peche e realizando labores de limpeza. “Esta reforma comezou xa en 2013 cando se investiron neste mesmo lugar outros 20.000 euros a través das mesmas axudas á Rede Natura, levando a cabo tarefas de limpeza de toda a área así como traballos de conservación dos muíños situados neste enclave”, rematou Jorge Canda.

8 de xaneiro de 2015 | 18:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.