O Concello da Laracha repartirá máis de tres mil euros en premios no concurso de panxoliñas
O Concello da Laracha repartirá máis de tres mil euros en premios ás asociacións culturais e coros parroquiais que participarán mañá sábado no concurso de panxoliñas “María Angeriz Tuset”, un dos máis clásicos eventos que se desenvolven no Nadal no noso municipio.
Desde o ano 2009 o certame leva, a modo de homenaxe, o nome da veciña de Paiosaco que fora directora do Coro Parroquial de Lestón durante moitas edicións.
O lugar de celebración do Concurso de panxoliñas “María Angeriz Tuset” será a Casa da Cultura da Laracha a partir das 18.30 horas. A asistencia para o público é libre e gratuíta.
Desde o Concello da Laracha convócase anualmente este certame cos obxectivos fundamentais de fomentar o espírito do Nadal e apoiar economicamente ás asociacións culturais e aos coros parroquiais municipais.
Están establecidas tres categorías de premios. A primeira delas ten unha dotación económica de 350 euros; a segunda, de 300 e, a terceira, de 275 euros. Todos os grupos participantes teñen garantido, canda menos, o premio da terceira categoría.
Neste edición serán sete os grupos participantes:
Grupo Axóuxere da Asociación Cultural Queiroga de Paiosaco.
Grupo Abrente da Asociación Cultural Queiroga de Paiosaco.
Asociación Cultural Coro Santa María de Torás.
Asociación Xuvenil Santiago de Vilaño.
Asociación Cultural As Nadelas de Caión.
Coro Arume de Caión.
Coro As Salseiras de Caión.
Coro Xuvenil Santa María de Torás.
Asociación Cultural A Revoltaina.
Grupos Petiscos e Saldoira da Asociación Cultural Arume de Caión.
Tal e como é habitual, o concurso está dividido en dúas partes. Na primeira, cada grupo participante interpretará a panxoliña que se presenta para o concurso. Despois desta rolda os membros do xurado –formado por representantes do Concello e de diferentes asociacións do municipio- retiraranse para deliberar e será o turno para que cada coro ou asociación anime a espera ao público cantando unha panxoliña libre.











