O Concello da Laracha promocionarase por primeira vez en Fitur

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

Por primeira vez o Concello da Laracha terá a posibilidade de promocionarse na Feira Internacional de Turismo, Fitur, realizando unha presentación dos recursos máis destacados que existen no municipio e co obxectivo final de captar visitantes para os próximos meses, especialmente de cara á campaña de verán.

Dita presentación do Concello da Laracha terá lugar este xoves ás 10:30 horas no stand Galicia que a Xunta, a través de Turgalicia, terá instalado no recinto da Institución Ferial de Madrid (IFEMA). Como representantes municipais estarán presentes na capital de España o alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira delegada da área de Turismo, Patricia Bello.

Caión, puerta de la Costa da Morte será o título da presentación larachesa en Fitur, salientando por tanto a localidade costeira como o inicio dese xeodestino promovido pola Xunta de Galicia. Os programas de promoción turística Mar de Caión e Descubre o mar, ambos cofinanciados polo Grupo de Acción Costeira (GAC), terán especial relevancia na intervención.

Ademais, tamén serán citados outros recursos do interior do municipio, como o mosteiro de San Pedro de Soandres, a Feira de Paiosaco e os medios fluviais, especialmente o do río Anllóns, así como a Romaría dos Milagres de Caión e a Feira das Cereixas de Paiosaco, ambas declaradas festas de interese turístico.

Membros do goberno local reuníronse recentemente con profesionais e representantes de todos os sectores públicos e privados relacionados co turismo que actualmente teñen actividade no municipio co propósito de ofrecerlles a posibilidade de ter un espazo en Fitur no que puidesen difundir a súa actividade e os servizos que ofrecen.

O turismo é un dos motores económicos do Concello da Laracha e a presentación en Fitur, ademais de aumentar o prestixio e poñer en valor os recursos existentes no termo municipal, será un impulso para a captación de potenciais visitantes.

27 de xaneiro de 2015 | 18:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.