O Concello da Coruña recolle 5 toneladas de cartón na campaña especial de Nadal
O Concello da Coruña, a través da área de Medio que dirixe Enrique Salvador, informa de que durante o dispositivo especial organizado en Nadal se puideron recoller 5 toneladas de cartón nos comercios da cidade.
Esta campaña especial desenvolveuse durante 16 xornadas -entre o 20 de decembro e o 10 de xaneiro- no centro da cidade e noutras vías comerciais, como rúa Barcelona, A Gaiteira, Xeneral Sanjurjo e a zona dos Mallos. Como na edición anterior, realizouse todos os días laborables a través de dúas rutas, co principal obxectivo de favorecer a actividade económica do pequeno comercio, pois trátase dunha época do ano onde se incrementan as vendas e, en consecuencia, tamén aumentan os residuos de papel e cartón que se xeran. Esta iniciativa promovida pola Concellaría de Medio é gratuíta e levouse a cabo polas mañás nas principais zonas comerciais da cidade.
O servizo, a través destas dúas rutas denominadas “porta a porta”, realizou a recollida da mesma forma que o resto do ano. Os comerciantes só tiveron que depositar o cartón e o papel diante da fachada dos establecementos que se encontraban nas rutas de recollida. En caso de tratarse de negocios situados en rúas próximas aos itinerarios preestablecer, os comerciantes puideron deixar os residuos nunha serie de puntos concretos nos días e horarios establecidos.
A Concellaría de Medio subliña que este programa de recollida gratuíta alcanza altas cotas de recuperación de papel e cartón, o que posibilita o desconxestionamento dos colectores situados na vía pública para uso cidadán e a mellora do aspecto das rúas comerciais. De feito, esta campaña especial supón, cada ano, un aumento na recollida ordinaria de cartón. Nesta ocasión, coa recollida final de 5 toneladas de cartón durante este dispositivo especial volvéronse cumprir de sobra as previsións iniciais: de acordo aos datos de anos anteriores, nesta campaña recóllense de media, aproximadamente, 4 toneladas máis respecto ao servizo ordinario (é dicir, que neste Nadal se recolleu unha tonelada máis que a media de edicións anteriores), o que representa un incremento superior ao 20%.











