O Concello da Coruña recibe 18 propostas para a modernización da iluminación pública no paseo marítimo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O Concello da Coruña informa de que recibiu un total de 18 propostas para o seu proxecto de modernización da iluminación do paseo marítimo, á altura das praias de Riazor e Orzán, dentro do seu plan de mellora de espazos públicos e da imaxe da cidade. O proxecto conta cun presuposto de 1.319.470 euros e un período máximo de execución de 4 meses.

O Concello sacou a concurso, mediante procedemento aberto, esta obra á que se presentaron 18 empresas. Este proxecto de modernización dun espazo público tan emblemático e transitado da cidade como é o paseo marítimo permitirá a mellora eficiente da iluminación no tramo que vai dende As Lagoas ata San Roque.

O novo proxecto da Concellaría de Infraestruturas recolle unha serie de vantaxes que tamén permitirán mellorar a imaxe do paseo marítimo, polo que transitan a diario miles de peóns e condutores:

. Modernización da iluminación grazas á colocación de luminarias altamente eficientes de tecnoloxía LED e que substituirán ás que existen actualmente e que se encontran obsoletas. En concreto, substituirase e mellorará a eficiencia de 442 puntos de luz e instalaranse 16 novas columnas metálicas.

. O uso de tecnoloxía de última xeración suporá unha redución do gasto enerxético, así como un aumento da vida útil dos equipos e un aforro do investimento necesario en tarefas de mantemento e reposición. Ademais, colocaranse cinco novos centros de mando que velarán polo correcto funcionamento do servizo (un sistema de control remoto informará puntualmente do estado da rede de iluminación do paseo).

. Incremento da seguridade viaria, pois o proxecto inclúe a instalación de iluminación non só no paseo marítimo e na zona das praias de Riazor e Orzán, senón tamén no sistema viario, as rotondas e no carril bici, ademais de reforzar a iluminación da coiraza das Escravas e o embarcadoiro de San Roque.

O proxecto non só complementa todos os traballos recollidos no concurso de ideas para a reordenación do bordo litoral da cidade, senón que ademais se enmarca dentro da aposta do actual equipo de goberno polo plan de mellora e modernización da rede de iluminación pública en rúas, prazas e zonas verdes. Así, no presuposto de 2014, a área de Infraestructuras dispuxo de máis de 6 millóns de euros para alcanzar unha maior eficiencia enerxética e para continuar con este plan municipal de remodelación da iluminación; un investimento que aumentará en 500.000 euros neste novo ano 2015, ata alcanzar os 6,7 millóns de euros.

O novo proxecto para o paseo marítimo tamén se suma a outras intervencións xa executadas en 2014 en materia de iluminación pública noutros puntos da cidade, como o barrio dos Rosales, a avenida de Rubine e a praza de Casares Quiroga, ou nos parques da Torre, Carlos Casares e Bens.

1 de xaneiro de 2015 | 10:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.