O Concello da Coruña comeza as obras do proxecto para recuperar o camiño peonil das Xubias

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

As concelleiras de Barrio Susana Pazo e Carmen Hervada visitaron esta mañá o barrio das Xubias, onde o Concello da Coruña, a través da Concellaría de Infraestruturas, empezou o proxecto de urbanización que permitirá impulsar a mobilidade peonil e mellorar a calidade de vida dos veciños, dentro do plan municipal para a rehabilitación e modernización dos espazos públicos da cidade.

O Goberno local recupera e mellora o camiño peonil existente dende a avenida de A Pasaxe ata o tramo existente fronte á praia de Santa Cristina, xunto á ría. Así, establécese unha única rasante coa eliminación do desnivel actual entre o viario e as zonas peonís. A nova distribución de espazos favorecerá a mobilidade peonil e estanzas de maior superficie e calidade sen reducir as zonas de estacionamento. Búscase potenciar o uso do camiño peonil favorecendo o acceso dos viandantes ao barrio, tratando de conseguir que os vehículos queden estacionados no espazo reservado para iso na avenida.

O departamento municipal que dirixe Martín Fernández Prado destina para esta nova actuación 181.203 euros, o que representa un aforro do 25% con respecto ao presuposto de licitación, que era de 241.927,50 euros. O prazo de execución é de, aproximadamente, dous meses e medio.

O proxecto de urbanización das Xubias tamén recolle outra serie de melloras, como a redefinición da rede de augas pluviais, nova iluminación pública para unha maior luminosidade e homoxeneidade lumínica, novo mobiliario urbano, substitución das xardineiras actuais por árbores e renovación dos elementos de protección que se encontren en mal estado por outros de maior calidade e adaptados ás esixencias de accesibilidade.

12 de xaneiro de 2015 | 17:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.